O BNG avoga pola ordenación multifuncional do monte

Ana Pontón defende fechar no país o ciclo produtivo.
pontón finsa
photo_camera Visita de Ana Pontón ás instalacións de Finsa en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avogou esta sexta feira por unha ordenación multifuncional do monte, pechar os ciclos da cadea produtiva no sector da transformación da madeira e apostar pola innovación, tanto para xerar novos produtos de maior valor engadido como para combater o cambio climático, como eixos de actuación fundamentais á hora de xestionar o “enorme patrimonio e potencialidade que ten Galiza no ámbito forestal”. 

Así o manifestou Pontón esta sexta feira durante a visita que realizou ás instalacións de Finsa (Financiera Maderera S.A) en Compostela, acompañada da alcaldesa Goretti Sanmartín, e de varios deputados no Parlamento galego, no marco da rolda de contactos que está mantendo co tecido empresarial.

Pontón agradeceu ao Consello directivo da empresa unha visita que lle permitiu coñecer “unha das industrias máis importantes da Galiza” -nun sector que considerou “chave para o noso futuro” como é o da transformación da madeira- e que exemplifica como desde unha empresa galega se pode traballar dende a innovación e a sustentabilidade, pechando ciclos produtivos.

Desafíos

A líder nacionalista puxo en común coa compañía algunhas das propostas e desafíos que, para o BNG por unha mellor xestión do monte e unha maior transformación dos produtos madeireiros, máis tendo en conta que o país acapara o50% das cortas de todo o Estado, mais só representa 13% en facturación e tamén 13% en emprego.

Neste sentido, defendeu a necesidade de acometer cambios no ámbito sectorial e avogou en primeiro lugar por unha ordenación multifuncional do monte, para xerar máis economía de escala e maior valor engadido con madeiras de calidade, pero tamén para afrontar o desafío do cambio climático porque, segundo recalcou, “un monte produtivo é un monte ben conservado e máis resiliente aos incendios”.  

En segundo termo, propuxo o desenvolvemento dunha estratexia que contribúa á transformación da madeira en primeiro e segundo grao, “é dicir, non só temos que cortar madeira, senón que tamén temos que ter capacidade para transformala”, explicou.

Comentarios