BNG aposta na sátira para denunciar o veto do debate a 4

Só un debate -o deste 13 de xuño- e só con forzas políticas estatais. Iso é todo o que ofrece a campaña das xerais. Contra a exclusión das forzas políticas soberanistas e a presumíbel ausencia da Galiza como tema, ergueu a voz o BNG esta segunda feira. Fíxoo pola vía da parodia: escenificando un debate ao ar libre, Ejpaña a 4, no que estiveron -carautas mediante- os líderes estatais e até a xornalista Ana Pastor.

Debate Ejpaña a 4

Iglesias teoriza en Política, Manual de Instrucciones, o documentario sobre Podemos que asina Fernando Aranoa, que a política hoxe xa non se fai nos parlamentos, mais nos platós de televisión. O problema é que con esa lóxica as forzas soberanistas sobran. Contra ese veto organizou esta segunda feira un acto o Bloque Nacionalista Galego. Contra o veto e contra a presumíbel ausencia de Galiza no debate. Nel participaron os sosias dos líderes estatais, mais tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a número un por Lugo, Olalla Rodil, e o cabeza de lista por A Coruña, Carlos Callón.

Callón agoirou que os líderes estatais non emprestarán atención aos problemas galegos. "Animo a xente a que collan o cronómetro e vexan cantas veces se fala de calquera dos problemas dos galegos e das galegas", dixo. O seu prognóstico é que "o total de tempo" que dedicarán a Galiza "vai ser cero".

Feito este exercicio, o que cómpre será comparar esta ausencia co "tempo que se dedicará aos problemas de Catalunya, Madrid ou Andalucía". "Verán claramente cal é a diferenza", antecipou, o que o levou a concluír que "se o BNG non está, Galiza non está", unha das frases favoritas da formación nacionalista nesta campaña.

Tamén aludiu Ana Pontón á exclusión da Galiza do debate. Dixo que o BNG quer coller da man a "todas as persoas" que están "esgotadas de ver como os 4 magníficos desde a televisión só están preocupados polos seus intereses". Nunha apelación á afectividade -a metáfora de coller a man-, a líder do Bloque quixo comunicar que "hai esperanza" e que "esa esperanza na Galiza é o BNG".

Comentarios