O BNG activa 'Adiante', o proceso de refundación para dotar o país “do nacionalismo que precisa”

Dividirase en catro fases - a primeira en abril, con máis de 100 encontros abertos por toda Galiza-; e ten entre os seus obxectivos “actualizar o discurso” e “recuperar o pulso social”. “Nunca se fixo un proceso así, tan profundo e aberto, no BNG”, dixo Ana Pontón, portavoz nacional.

BNG proceso adiante
photo_camera Presentación do 'Proceso Adiante'.

O proceso de refundación do BNG xa está en marcha. “Hoxe comeza a andar por todo o país co nome de 'proceso Adiante'”, anunciou Rubén Cela, membro da Executiva Nacional na presentación da iniciativa, que decorreu esta segunda feira. Un proceso “aberto e plural”, dixo Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que apontaba ao propio nome, 'adiante', como mostra da confianza no país e na propia organización nacionalista. A andaina comeza este mes de abril con máis de 100 encontros abertos por todo o país. Esa é a primeira fase, “de arquitectura”, resumiu Pontón, na que a base social debatirá e decidirá sobre os pasos a seguir. A partir de aí tres fases máis, con punto de chegada na última, que versará sobre fórmulas de participación e debate organizativo. A idea é culminar o proceso en marzo de 2017, mais a súa propia formulación é “flexíbel”, lembrou a portavoz nacional, para facer fronte aos procesos electorais.

“Reflexión”, “debate interno” e o que faga falla, indica o BNG, para “correxir e mellorar” de cara á ofrecer “un proxecto nacionalista renovado e que aspire a todo”

“Nunca se fixo un proceso con tanta profundidade no BNG”, salientou Pontón, corroborando o dito por Rubén Cela pouco antes sobre que “no fondo e na forma” estabamos perante un proceso “diferente a todos os vividos antes” na fronte nacionalista. 'Adiante' nace do propio mandato de refundación xurdido da XV Asemblea Nacional. Ana Pontón enumerou “os tres obxectivos” principais da iniciativa que se vén de activar: actualizar o discurso do proxecto do BNG, recuperar o pulso social e ensanchar a base social do nacionalismo. Aspira o BNG, reiterou, a ser “a casa común de todos e todas as nacionalistas”.

Paredes de cristal

Cela explicou que este roteiro implica “reflexión”, “debate interno” e o que faga falla, apontou, para “correxir e mellorar” de cara á ofrecer “un proxecto nacionalista renovado e que aspire a todo”. E a base social nacionalista vai ser a protagonista, tanto a que milita no BNG como aquelas persoas que acreditan na necesidade de dispor dunha forza propia. A páxina web www.adiante.gal vai ser, neste proceso, unha ferramenta importante. Complementará e reforzará os procesos de participación tradicionais (asembleas, encontros, deb ates presenciais...), facilitando as achegas. “Vai ser un exemplo de transparencia interna: dispoñibilizaremos todas as convocatorias, debates, resultados das votacións, conclusións dos debates...”.

Estamos “perante o inicio dun proceso moi importante para o futuro do nacionalismo”, apontou Ana Pontón, reiterando que “o país precisa máis que nunca o nacionalismo”

Ao cabo, estamos “perante o inicio dun proceso moi importante para o futuro do nacionalismo”, apontou Ana Pontón, reiterando que “o país precisa máis que nunca o nacionalismo”. É este, o nacionalismo, o que o BNG sitúa como a ferramenta máis util para facer fronte á situación actual do país, marcada por realidades como o desemprego ou a emigración.

Comentarios