18-F | Vídeo

Sánchez e Besteiro, de 'pachanga' na Coruña antes dun mitin no que chamaron a "concentrar o voto do cambio no PSOE"

"Temos que facer moito máis, e se queremos que Galiza dea un paso de xigante, necesitamos que haxa una mesma orientación política en Madrid e na Xunta con José Ramón Gómez Besteiro. Se hai fío directo entre Galiza e a Moncloa, Galiza mete a directa", dixo o presidente español.
José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez xogando ao baloncesto na Coruña.
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez xogando ao baloncesto na Coruña.

O líder do Partido Socialista e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, chamou esta quinta feira os galegos e galegas a "concentrar o voto do cambio" no candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. "Galiza non necesita a un presidente ausente, senón a un presidente valente", afirmou nunha intervención na que asegurou que só co PSOE pode situarse Galiza "a nivel das súas potencialidades". Antes de participar no mitin, Sánchez aproveitou para xogar unha pachanga ao baloncesto xunto a Besteiro e varios mozos.

Sánchez visitou de novo o país para arroupar a candidatura de Besteiro, nunha campaña electoral na que participou en actos en todas as circunscricións galegas. Hoxe visitou A Coruña, onde participou nun mitin ao que asistiron unhas mil persoas, segundo os datos da organización. O aforo quedou pequeno para acoller todas as persoas que querían asistir ao acto.

No seu discurso, lembrou que o pasado 23 de xullo case medio millón de galegos e galegas votaron o Partido Socialista. "A todos eles quérolles dar as grazas, porque grazas ao seu voto logramos que haxa un goberno de coalición progresista catro anos máis en España", dixo. Tras iso, incidiu en que só cun Partido Socialista forte pode haber cambio na Galiza: "Por iso, creo que votar a José Ramón é un 'dobre seguro', primeiro porque vai haber cambio e tamén porque grazas ao PSOE ese cambio vai ser seguro". E é que, dixo, "non basta só con lograr o cambio", senón que "é necesario gobernar o cambio".

"Fío directo" entre a Xunta e Moncloa

Na súa intervención, ademais, volveu sinalar que son necesarios gobernos que "teñan a mesma orientación" que o goberno progresista para traballar pola Galiza. Neste punto, detallou que durante este últimos cinco anos o seu Executivo foi o que máis recursos deu á Galiza. "42.000 millóns", sinalou, para citar tamén a chegada da alta velocidade, a aposta polo Corredor Atlántico, os investimentos que garanten carga de traballo o próximos dez anos en Navantia e o compromiso con Alcoa.

Tras citar estas e outras cuestións, considerou que todo isto que fai o Goberno "non é suficiente". "Temos que facer moito máis, e se queremos que Galiza dea un paso de xigante, necesitamos que haxa una mesma orientación política en Madrid e na Xunta con José Ramón Gómez Besteiro", asegurou. "Se hai fío directo entre Galiza e a Moncloa, Galiza mete a directa", proclamou, para animar os presentes a falar cos seus veciños, amigos e familias para pedirlles o voto para "abrir un tempo novo na Galiza".

Pedro Sánchez considerou que "Galiza sempre foi unha terra de extraordinarias oportunidades" que foron "desaproveitadas polo PP". "Situar Galiza ao nivel das súas potencialidades só pode facelo o PSOE con José Ramón Gómez Besteiro", apuntou.

Debate en RTVE

O líder dos socialistas tamén se referiu ao debate desta cuarta feira en RTVE para dicir que ao velo xurdiulle "un enorme sentimento de orgullo" polo "extraordinario candidato" que o Partido Socialista ten para a Xunta. Así, sostivo que "quedaron dúas cousas claras". "Hai un candidato, Rueda, que non dá a cara", e "hai un extraordinario próximo presidente da Xunta na persoa de José Ramón Gómez Besteiro".

Dito isto, afirmou que Rueda se esconde porque "quere esconder as mentiras do Partido Popular". "Se alguén non dá a cara, se alguén non é valente e non traballa por merecer o voto dos cidadáns, non merece ser o presidente da Xunta", afirmou.

Comentarios