Beatriz Mato mantén o posto no consello da nova Euskaltel

A directiva de Greenalia mantén o seu posto como conselleira independiente de Euskaltel após consumarse a OPA lanzada por MásMóvil.
Beatriz Mato, actual directora de desenvolvemento corporativo e sostibilidade de Greenalia (Europa Press)
photo_camera Beatriz Mato, actual directora de desenvolvemento corporativo e sostibilidade de Greenalia (Europa Press)

MásMóvil materializou onte a toma de control de Euskaltel, propietaria do operador de cable galego R, coa configuración dun novo consello de administración no que se mantén como independente a ex conselleira de Medio Ambiente e actual directiva da firma de renovábeis Greenalia, Beatriz Mato.

Os cambios no máximo órgano de decisión da compañía vasca prodúcense despois de que a semana pasada prosperase a Oferta Pública de Adquisición (OPA) lanzada pola firma capitaneada por Meinrad Spenger, á que tamén acudiu Abanca, que se desprendeu así do 4,48% do operador vasco que controlaba após a absorción de R.

O novo consello de administración, do que saen o conselleiro delegado, José Miguel García, así como os dirixentes do fondo británico Zegona, principal accionista de Euskaltel até a súa venda, estará liderado por Spenger, conselleiro delegado de MásMóvil. 

Tamén se incorporan a el o conselleiro delegado de Inveready e vicepresidente segundo do operador, Josep María Echarri, que será conselleiro externo, ou José Germán López, conselleiro executivo de MásMóvil e agora de Euskaltel. Xabier Iturbe mantense como presidente non executivo após a remodelación, na que Iñaki Alzaga, ao igual que Beatriz Mato, conserva o seu posto como conselleiro independente. José Ortiz Martínez, pola súa banda, foi confirmado como secretario non conselleiro do novo órgano de dirección de Euskaltel.

O valor, fóra da Bolsa

Xunto coa renovación do consello, MásMóvil, novo máximo accionista co 97,66% dos títulos do operador vasco, que exerceu a opción de venda forzosa para facerse co 100% dos títulos da compañía, solicitou a súa exclusión da Bolsa após a OPA.

Onte, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) comunicou que suspenderá a cotización de Euskaltel tras o peche dos mercados do vindeiro 17 de agosto, suspensión que manterá até que se produza a exclusión definitiva da negociación das accións da sociedade.

Euskaltel leva cotizando en bolsa desde 2015 e na actualidade os seus títulos están valorados en 10,96 euros tras a oferta de 11 euros por título lanzada por MásMovil para a súa compra. Após a súa marcha, Telefónica será o único representante do sector no parqué, xa que MásMóvil xa fora excluída de cotización o pasado ano tras a OPA dos fondos Cinven, KKR e Providence.

Comentarios