Beatriz Mato, ex conselleira de Feixoo, oficializa o seu ascenso en Greenalia coa entrada no Consello de Administración

Pasaron pola Consellaría de Mato cinco proxectos de Greenalia, entre eles parques eólicos

A ex conselleira Beatriz Mato (Nós Diario).
photo_camera A ex conselleira Beatriz Mato (Nós Diario).

A compañía de enerxías renovábeis Greenalia anunciou na sexta feira que amplía o seu Consello de Administración, que pasa de catro a seis membros. Entre as novas incorporacións destaca a de Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (2015-2018) e de Traballo e Benestar (2009-2015) de distintas etapas de goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Greenalia fichara Mato, tamén ex candidata do PP á Alcaldía da Coruña nas últimas eleccións municipais, en febreiro de 2020. Un salto á empresa privada nun caso de portas xiratorias. De feito, o seu nomeamento dentro da cotizada supuxo as denuncias de entidades ecoloxistas como Adega, pois a Consellaría que dirixira Mato outorgou a Greenalia diversas autorizacións legais para pór en marcha a central de biomasa de Teixeiro (Curtis).

Pasaron pola Consellaría de Mato cinco proxectos de Greenalia, entre eles parques eólicos

O proxecto insignia da empresa librábase en xullo de 2017, con Mato á fronte da Consellaría, do proxecto de avaliación do impacto ambiental común, ao non consideralo necesario. Mais non só. Cando a ex candidata do PP á Alcaldía da Coruña exercía como conselleira de Medio Ambiente, pasaron polo seu departamento cinco proxectos de Greenalia, algúns deles parques eólicos.

Aínda así, a Xunta da Galiza considerou que, malia acceder á empresa menos de dous anos despois de deixar o cargo, o de Mato non é un caso de incompatibilidade, ao entender que non contravén o que recolle a Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno da Xunta da Galiza por non resolver ela ningún expediente de Greenalia. Si os resolveu a directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira Costa, directamente nomeada por Mato e subordinada dela.

Mato é partidaria de que se simplifiquen os trámites para a instalación de aeroxeradores

Mato é desde xa novo membro do Consello de Administración da empresa de renovábeis e fai parte da Dirección da Asociación Eólica da Galiza desde o 8 de maio de 2020, representando, precisamente, Greenalia.

Mato, que publicamente se amosou partidaria de simplificar a lexislación para a instalación de parques eólicos, tentou, sen éxito, conseguir a Presidencia da patronal e chegou a postularse mediante o envío de cartas ás socias da entidade para lles solicitar o voto.

Mato é tamén é conselleira da telefónica Euskaltel (matriz da galega R), empresa na que recalou o pasado setembro. Aliás, desde marzo exerce como vogal da directiva da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), a patronal do sector.

Outras incorporacións a Greenalia

Ademais de Mato, incorpórase ao Consello de Administración José María Castellano, o segundo maior accionista da empresa, por detrás de Manuel García Pardo, e Pablo Castellano, fillo do ex vicepresidente de Inditex.

Comentarios