A Audiencia volve condenar o PP por lucrarse coas actuacións da Gürtel

A Audiencia Nacional condena o Partido Popular ao pagamento de máis de 204.000 euros por beneficiarse da trama Gürtel en Boadilla del Monte (Madrid).
Álvaro Pérez "O Bigotes", Francisco Correa e Pablo Crespo a xuízo en 2020 pola trama Gürtel. (Foto: Europa Press).
photo_camera Álvaro Pérez "O Bigotes", Francisco Correa e Pablo Crespo a xuízo en 2020 pola trama Gürtel. (Foto: Europa Press).

A Sala do Penal da Audiencia Nacional condenou o Partido Popular como partícipe a título lucrativo ao pago de até 204.198,64 euros polas actuacións da trama Gürtel no municipio madrileño de Boadilla del Monte.

Terceira condena

Trátase da terceira condena do tribunal aos populares despois das sentenzas pola primeira época da Gürtel e polo uso da 'caixa b' para as obras da sede do partido na rúa Xénova 13.

Nunha sentenza de 303 páxinas, os maxistrados da Sección Segunda estabelecen que os populares deberán abonar esa cantidade con responsabilidade directa e solidaria do que fose líder da trama, Francisco Correa, o seu número dous, Pablo Crespo, o ex alcalde Arturo González Panero e os que foran xerentes da Empresa Municipal do Chan e da Vivenda.

Ademais, ordena penas de cárcere de 36 años e 11 meses para o ex alcalde de Boadilla, González Panero, e de 13 anos e medio para Francisco Correa e Pablo Crespo.

Beneficio "evidente"

O tribunal conclúe que existe un "acervo probatorio sólido" de que o Partido Popular obtivo un "beneficio evidente" coas actividades da trama Gürtel "tanto para as campañas autonómicas e municipais de 2003 e 2007 como fóra de elas", grazas a comisións abonadas por empresas, por mordidas conseguidas con cargo a "administracións públicas" ou directamente en negro desde a 'caixa b' do líder da Gürtel, Francisco Correa.

Comentarios