A Asemblea Cidadá de Bueu sela con En Marea o seu acordo de colaboración para as municipais

unnamed (22)
photo_camera Xulio Villanueva, no uso da palabra

A ACB segue os pasos da Marea Veciñal de Culleredo, a Marea de Pontevedra, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas e Lugo Novo. Estas marcas locais acubíllanse "baixo o paraugas de EM", segundo afirma o propio partido instrumental en nota de imprensa. Con estas alianzas, a cúpula mareante, dirixida por Luís Villares, tenta tamén fortalecer a súa propia posición interna, frente á Mesa da Confluencia que lidera Martiño Noriega.

En virtude do acordo, En Marea —que no comunicado de imprensa se autocualifica como "o partido do cambio"— fornecerá á Asemblea Cidadá de Bueu "cobertura, apoio e meios" para afrontar as eleccións locais de 2019, absolutamente claves para a consolidación do partido instrumental non só no plano externo, senón tamén no interno, coa dirección de Luís Villares posta abertamente en cuestión pola chamada Mesa da Confluencia, coligación de facto entre Podemos, a Anova oficial, Esquerda Unida e as mareas gobernantes das cidades.

No acto de asinatura do acordo de colaboración —que decorreu na Sala Amalia Domínguez—tomaron parte o voceiro de ACB, Xulio Villanueva, e o portavoz orgánico e parlamentar de En Marea, Luís Villares.

Villanueva fixo un alegato a prol da unidade fronte o que cualificou de "inimigo común da cidadanía", en alusión ao PP, en tanto que Luís Villares botou man dunha metáfora do cosmólogo Carl Sagan para retratar En Marea como un universo en que un todo diverso xira ao unísono nun movemento harmónico. "Esa é a idea que En Marea quere levar por todo o país", dixo.

Comentarios