“Se como artista non queres mostrar os problemas do teu tempo estás pechando os ollos”

Kiko da Silva dá un paso ao fronte. O humorista gráfico e debuxante de cómic, como se define el mesmo nas redes, reivindica o papel político da arte e chama a deixar de esconderse na neutralidade. O artista pontevedrés vén de lanzar unha versión renovada das icónicas viñetas de Castelao, unha lectura actual do álbum Nós, que fai parte da campaña política do BNG. Ilustracións que poñen de manifesto a vixencia da obra e a mensaxe do rianxeiro. En case un século, mudou o accesorio pero se mantivo o transfondo.

(Foto: cedida)
photo_camera (Foto: cedida polo autor)

- Como xorde a idea de repensar as viñetas?

- Participara xa nunha campaña a nivel municipal en Pontevedra no 2015. Funcionou, gustou a xente e este verán, en canto se coñeceu o adianto electoral, puxéronse en contacto comigo para ver se podíamos facer unha proposta diferente para estas eleccións. Recordo que estaba nese momento no salón de Viñetas do Atlántico. Había un hándicap, que foi o tempo, con moita menos marxe de manobra, pero tiña bastante claro o que quería facer. Unha das cousas da que quedei máis contento, como coa banda deseñada 'Lorix e Mosquerix', foi liberdade total e absoluta que me deron para traballar.

- Que te levou a aceptar a encomenda?

- Quería reivindicar a importancia de Castelao, non só como artista, tamén como político. E era unha maneira de reivindicar tamén a miña postura, porque normalmente na miña profesión a xente non quere nunca posicionarse. Pero creo que cos tempos que corren temos que mollarnos, dicir o que pensamos e ser coherentes coa nosa ideoloxía e co país que queremos. No meu caso, estou vencellado ao humor gráfico. Non contemplo que se poida facer boa crítica social desde a neutralidade. Nunca somos neutrais. Así como no seu momento Castelao tivo que posicionarse,  vindo dunha familia que para nada era nacionalista nin moito menos de esquerda, ou loitando tamén co que dicían sobre as súas ideas algúns amigos e compañeiros.

- Hai espazo para o político no arte ou para a arte na política?

- Chegou o momento de deixar de escondernos, de reivindicar a arte como política. É un problema que vén de tempos nos que Galiza saíu moi mal parada, como o franquismo. Moita xente, coma o meu avó, dicían os seus netos que non se meteran en política, que a política só traía leas. Ese tipo de mensaxes, no fondo, calaron na sociedade e dunha maneira inconsciente se fixeron moi populares. E segue, e mira que choveu desde entón, esa idea de que a política é para os políticos e que a cidadanía non ten que meterse nela. É o momento de nos facer responsables do noso futuro, porque a política é a nosa vida. Se ti como artista non queres mostrar os problemas da sociedade, da túa contorna e do tempo no que te tocou vivir, estás pechando os ollos. Aínda que te coloques no lado contrario, que decides que non queres que a túa obra sexa política, estás tomando no fondo unha decisión política. 

- Un exercicio arriscado actualizar a obra dun tótem como Castelao?

- Son un gran seguidor da obra de Castelao, gusto moito dos seus traballos non só a nivel humorístico, tamén na escrita e na reflexión. Realmente a decisión foi rápida. Estamos no aniversario de Castelao, na miña cidade, en Pontevedra, temos unha magnífica exposición ao redor da súa obra gráfica... Era unha maneira de poñer enriba da mesa o maior problema que ten Galiza nestes momentos. Os problemas de Galiza non cambiaron tanto desde os tempos de Castelao. Estou convencido de que se Castelao estivese vivo, seguiría facendo unha e outra vez fincapé nas viñetas que fixo hai case un século. Esa problemática era a que quería trasladar con estas visións actualizadas do álbum Nós, demostrarlle a sociedade que temos un problema se non facemos algo para cambialo. 

- E que cambiou?

- Agora non levamos boinas, nin imos con zocas pola rúa; levamos teléfonos móbiles, facemos skate ou buscamos Pokemón, pero a realidade social, política e económica do país segue tendo as mesmas eivas, necesidades dun carácter moi similar as que reivindicaba Castelao. Quería reflexionar sobre cuestións como a busca de traballo, non só polos que emigraron, mentres as grandes industrias buscan sistemas como ternos entretidos e que non saiamos a rúa a protestar. Por iso a idea de ligalo ás novas tecnoloxías e estes xogos de moda. A nivel social hai que pedir unha reflexión, cada vez estamos máis adormecidos, pegados a unha pantalla de televisión, e non temos a distancia necesaria para poder reivindicar un emprego digno.

- Por que decidiches apoiar o BNG?

- Polo convencemento de que a xente que nos adicamos o mundo da arte témonos que posicionar. Parafraseando Castelao: "Galiza só deixará de loitar pola liberdade cando a consiga". Ese é o problema, temos que salvar Galiza desde aquí, non van vir de fóra a solucionar os nosos problemas. Esa é unha das cousas que me levou a apoiar o BNG, nestes momentos é a única posibilidade política que temos de autogoberno e de xestión dos nosos recursos, da nosa cultura. Non vexo o mesmo en ningún outro partido dos que se presentan estas eleccións.

*Podes ollar as viñetas de Kiko da Silva na seguinte ligazón: 

Comentarios