Apuntan a unha posíbel segunda operación xudicial antes do 21-O

Segundo puido saber Sermos Galiza, desde xullo era de "dominio público" que se estaban a preparar dúas grandes operacións. Jorquera manifesta reservas sobre o "procedemento xudicial" do caso "Pokemon" e reclama respecto á presunción de inocencia mentres a xustiza aclara os feitos.

Ábrese a incógnita de cal pode ser o próximo caso e se irromperá, como “Pokemon”, antes do 21-O

Minutos despois da detención do alcalde de Ourense, nun importante operativo policial e cunha grande cobertura mediatica, agromaron as primeiras desconfianzas arredor da “oportunidade electoral” que fontes políticas atribuiron a esta operación. Sinalouse desde o principio a semellanza co acontecido co caso "Campeón" --causa dirixida pola xuíza Estela San José, moi próxima a Pilar de Lara-- pouco tempo antes das eleccións xerais. En troques, o procesamento do director do IGAPE, no marco do mesmo caso, fora atrasado para non interferir na campaña das municipais.

Coñécese agora, que Pilar de Lara podería contar desde o pasado mes de xuño cos elementos suficientes para encetar a instrución deste polémico caso. Así mesmo, segundo puido saber Sermos Galiza, era de “dominio público” desde xullo que se estaban a preparar dúas grandes operacións xudiciais. Ábrese, pois, a incógnita de cal pode ser o próximo caso e se irromperá, como “Pokemon”, antes do 21 de outubro.

Jorquera cuestiona o procedemento

En resposta a preguntas d@s xornalistas, Francisco Jorquera, insistiu en que “hai que deixar actuar á xustiza para que aclare os feitos” ao tempo que recalcou a necesidade de “respecto escrupuloso á presunción de inocencia”. O candidato do BNG manifestou ter “reservas sobre o procedemento xudicial” do caso.

As reservas de Jorquera centraríanse no feito de que o alcalde de Ourense ficase incomunicado durante 48h, sen poder ter contacto nin co seu avogado nin coa familia, aplicándoselle “un procedemento extraordinario pensado para casos de terrorismo” sinalou.

Comentarios