O alcalde de Ourense e o xerente de Vendex declaran no xulgado polo caso "Pokemon"

En liberdade tres dos trece detidos, entre eles o alcalde de Boqueixón que tivo que facer fronte a unha fianza de 10.000€. O BNG pedirá a dimisión do alcalde socialista de ser imputado.
Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense
photo_camera Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense

O controvertido caso “Pokemon” continúa a desenvolverse. A operación xudicial que abaneou a precampaña electoral a menos dun mes das eleccións galegas do 21-O, prosegue a súa marcha.

Até o momento xa declararon tres dos trece detidos. O primeiro en facelo foi o funcionario do Concello de Compostela, R.O.F., que quedou en liberdade ás 20:40h desta sexta, sen que se coñeza nesta altura se ficará finalmente imputado na causa xudicial. A detención do Xefe de Servizo de Contratacións do concello compostelán causou sorpresa e estrañeza dado que o seu cargo carece de poder de decisión sobre os procesos de contratación. Fontes próximas ao consistorio da capital galega apuntaron desde o principio o “rigor” do funcionario, extremo confirmado onte polo propio alcalde da capital, o popular Ángel Currás, afirmando publicamente que todas as referencias que tiña del “eran favorábeis”.

Tamén pasou polo xulgado o alcalde de Boqueixón, o popular Adolfo Gacio, en liberdade logo de enfrontar unha fianza de 10.000€ mais acusado de delitos de suborno e prevaricación. Os últimos acontecementos arroxarían luz sobre informacións que a mediados deste mes apuntaban a saída de Gacio da alcaldía de Boqueixón, logo de 21 anos á fronte do concello, para asumir un cargo na Embaixada de España en Venezuela. Daquela especulábase con que Gacio sería relevado --co acordo de Feijóo-- polo actual Director xeral de xuventude e voluntariado da Xunta, Ovidio Rodeiro, o que esixía que dez integrantes da candidatura renunciasen en favor del, xa que Rodeiro pechaba a lista de suplentes da candidatura popular ás eleccións municipais en 2011.

Asemade, o Xerente de Sermasa, A.Q., compareceu tamén diante do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, quedando en liberdade con cargos pasadas ás 2 da mañá deste sábado.

Esta mañá están a declarar diante da xuíza Pilar de Lara, o alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, e máis o xerente de Vendex. Rodríguez chegou aos xulgados de Lugo ás 9:40h, despois de ter que recibir atención médica --no día de onte-- por mor dunha dor de cabeza e dunha baixada de tensión. O alcalde estivo 48h incomunicado. Adrián C., o xerente de Vendex, grupo empresarial que está no cerne do caso “Pokemon”, chegou aos xulgados ás 10:30h. Ambos acusados entraron en sede xudicial no medio dun importante dispositivo policial.

Nas vindeiras horas e días está previsto que pasen a declarar os oito detidos restantes, entre os que se atopan un bo número de responsábeis de Vendex e máis o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil --e tamén exconcelleiro do PSOE en Lugo-- Francisco Fernández Liñares.

A chave Vendex

No centro da causa xudicial atópase Vendex, un importante conglomerado empresarial, que xestiona un bo número de servizos públicos (escolas infantís, limpeza, xestión da O.R.A.) por concesión en Galiza e no conxunto do Estado. De feito, foi o avultado patrimonio --detectado no proceso do caso Carioca-- dun dos seus empregados, J.M.R.P., xerente do servizo da ORA de Lugo e detido o pasado xoves, o elemento que puxo ao xulgado trala pista da presunta trama de corrupción.

Con todo, inda non transcendeu a que cifra atinxirían as comisións que supostamente se terían entregado desde Vendex para asegurar un trato favorábel en diferentes concursos públicos.

O BNG de Ourense pedirá a saída de Rodríguez se resulta imputado

O Consello Local do BNG, forza que integra o goberno municipal de Ourense en coalición co PSOE, acordou que pedirá a dimisión de Francisco Rodríguez no caso de que o alcalde resulte finalmente imputado. Pola súa banda, afiliad@s socialistas de Ourense convocaron para ás 12h de hoxe unha concentración na Praza Maior da cidade para solidarizarse co alcalde.

Comentarios