Debate estado da nación

Ana Pontón: “O problema de Galiza non é Catalunya, é a dependencia do Estado”

A portavoz do BNG acusa Feijóo de levar “8 anos pasando olimpicamente de Galiza” e anuncia que presentará un relatorio a todos os grupos para superar o actual marco estatutario e constitucional.

ana ponton parlamento

“O noso problema non é que o pobo catalán queira decidir, o noso problema é que se manteña a dependencia de Galiza”. A portavoz do BNG quixo centrar o debate do estado da Nación deste este primeiro momento. Fronte a un Feijóo que xogou a baza do proceso que vive Catalunya para enlamar o debate do estado de Nación, Ana Pontón apostou en aclarar o campo de xogo. Hai que falar de Catalunya? Ben falemos de Catalunya. “Solidariedade co pobo catalán”, dixo Pontón, criticando un presidente que, dixo, “vén a este debate para rivalizar coa caverna mediática”.

Mais a nacionalista tiña claro que non se debía caer na arañeira do debate no marco feijoniano. De aí a frase: “O noso problema non é que o pobo catalán queira decidir, senón que se manteña a dependencia de Galiza”. O problema do noso país, insistiu Pontón, “é vostede, o centralismo e un réxime corrupto”. Porque o que cómpre é pasar páxina e superar o marco actual. Nesta liña, a portavoz do BNG anunciou un relatorio para todos os grupos para dotar Galiza dun "status de nación que lle permita decidir”.

Sen peso nin poder nin autoridade

Ana Pontón reprochou a Feijóo o seu triunfalismo cando, aseverou, “leva 8 anos pasando olimpicamente de Galiza”. A nacionalista pasou a enumerar exemplos das consecuencias dese pasotismo: veto AP9, retrasos no AVE ou os 400 millóns de menos para Galiza nos orzamentos do estado, entre outros. E, a seguir, relatou “incumprimentos” que deixaron pegadas nestas lexislaturas con selo popular: Pemex, eólico, lei de dependencia, emprego... “Aínda estamos agardando polas solucións”, apostilou.

“A realidade non é a zona de confort que vostede ve en Monte Pío”. Pontón incidiu así no argumento de que o discurso do presidente galego no estado da Nación estaba desconectado da verdadeira realidade do país, sen termar do que no día a día acontece na sociedade galega.

Pontón fixo un repaso pola realidade na sanidade, educación, servizos públicos... unha realidade que bate coas estatísticas oficiais e macroeconómicas. Non hai Galiza no país das marabillas no mandato de Feijóo. Polo que é mester fechar esa porta e abrir outra. “Vostede non foi quen de estar á altura do reto”, reprochoulle a portavoz do BNG ao mandatario de Monte Pío.

Porén, non hai tempo para pesimismos e derrotismos. “Son tempos de cultivar a esperanza, a unión e confianza nas nosas propias capacidades e potencialidades”, explicou. “. A esperanza que están en verbas que marcan a xeracións e xeracións desde Galiza Ceive, Nunca Máis, o Non á Guerra, o Non a Lou ou o 15M”.

Corrección: na primeira edición desta información aparecía por erro a expresión "estatuto de nación que lle permita decidir" cando en realidade Ana Pontón dixo "status de nación que lle permita decidir".

Comentarios