Antón Sánchez, novo líder de Anova

"Algunha representación institucional confunde o interno coa realidade"

Antón Sánchez emerxe da III Asemblea Nacional de Anova como novo líder da organización. A súa aposta na unidade popular é "innegociábel", como tamén o é o seu esforzo por pacificar a convulsa vida interna da súa propia casa e da confluencia. É a entrevista política do Sermos239, xa na rúa. Eis un extracto da conversa. 

20170320_121056
photo_camera Antón Sánchez, no seu despacho no Parlamento galego

-Supoño que es consciente de que o maior impacto mediático da vosa asemblea foi a lea protagonizada por mozos de Xeira con ex militantes da FPG. Como viviche ese episodio?

-Eu non lle podo atribuír o incidente só a determinadas persoas. O incidente é lamentábel, é intolerábel, non pode voltar a ocorrer e traballaremos para que non volte a ocorrer. Farémolo con serenidade, pero con firmeza. En todo caso, quero dicer que ese momento non representa o ton dos debates en Anova. Sería triste que ese suceso puntual, inadmisíbel, intolerábel, contaminase toda a militancia de Anova.

Sobre a lea protagonizada por mozos de Xeira: "Traballaremos para que non volte a ocorrer. Farémolo con serenidade, pero con firmeza"

(...)

-Visto desde fóra a sensación que dá é que a unidade popular está máis desunida que nunca, véxase sen irmos máis lonxe as leas no seo de Podemos Galiza. Imaxino que unha das túas tarefas como novo referente de Anova será contribuír a pacificar todo ese ambiente interno, non?

-Si, eu aquí teño que facer unha certa autocrítica da cal tirar conclusións positivas pensando no futuro. Eu creo que ás veces algunha representación política institucional perde a perspectiva. Confunde o interno coa realidade. Iso é o peor que nos pode pasar. Eu creo que hai que facer unha chamada de atención de que nós nos debemos á xente que nos apoia, á xente que quere unha alternativa de esquerda rupturista contra este sistema, contra as políticas que aplica este sistema, e iso nunca o debemos esquecer na nosa praxe política. Esa é unha cuestión que eu si que vexo que puido pasar nalgún momento.

3Nunca podemos esquecer que tivemos en decembro de 2015 400 mil votos -e nas galegas, 287 mil votos- e nunca debemos esquecer por que esa esa xente nos apoiou, e esa xente apoiounos polo noso esforzo a prol da unidade popular porque nos vían como unha ferramenta útil. No momento en que non se visibilice que a nosa vontade é sermos úteis, no momento en que se nos vexa ollándonos para o embigo, esa xente deixará de apoiarnos. Porén, o futuro creo que ten que ser aproveitar esta época sen envites eleitorais no horizonte para reflexionar, repensar o papel quer de Anova que de En Marea na sociedade, e voltar a comezar con forza un novo ciclo político. 

[A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos239, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa]

Comentarios