28-M

O PP non expulsará os afiliados da Illa que apoiaron o candidato condenado por violencia machista

Matías González Cañón asegurou que non renunciará á súa acta, nin a liderar a candidatura do PP, após o 28 de maio. Alfonso Rueda reitera que o condenado non formará parte do grupo municipal popular, mais tampouco actuará contra o resto de integrantes, que manifestaron publicamente o seu apoio ao cabeza de lista en contra da dirección do partido.
Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, esta quinta feira, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, non ten previsto adoptar "ningunha determinación" a respecto dos afiliados 'populares' da Illa de Arousa (O Salnés) que, integrados na candidatura que encabeza Matías González Cañón e en contradición co ditado desde a dirección provincial do partido, apoiaron publicamente o cabeza de cartel logo de que, a comezos desta semana, transcendese na prensa que fora condenado en 2011 por agredir a súa parella de entón.

González Cañón, ante a petición do Partido Popular de que abandonase a lista —dado que xa se rexistraron formalmente as candidaturas non poden modificarse—, negouse a renunciar á súa futura —e polo de agora hipotética— acta, polo que a cúpula provincial anticipou que non permitiría que, fose cal fose o resultado após o 28-M, formase parte do seu grupo municipal unha vez constituída a corporación.

Mais, obviando calquera directriz do partido a nivel provincial, afiliados e membros do PP na Illa compareceron xunto ao candidato nun vídeo compartido nas redes sociais no que fechaban filas arredor do seu candidato, que deixaba clara a súa intención de non dar "un paso atrás" e de ficar á fronte do equipo que conforma a lista 'popular' neste municipio gobernado desde o seu nacemento polo Partido Socialista.

Rueda foi preguntado, tras o Consello da Xunta desta quinta feira, a respecto de cales serán os seguintes pasos do partido e se, á vista do sucedido, prevé impor unha xestora e expulsar da formación a quen manifestaron oficial e publicamente o seu apoio ao candidato na Illa, un extremo que rexeitou o líder 'popular'.

En concreto, defendeu que, do mesmo modo que o resto da dirección, tivo coñecemento do asunto "esta mesma semana". Reiterou que se actuou "con celeridade" e, ante a imposibilidade de que González Cañón deixe de encabezar a lista dado que decidiu non facelo, optouse por comprometer que este non formará parte do futuro grupo municipal popular.

Rueda reiterou este compromiso; porén, descartou a adopción de medidas internas de maior impacto na localidade arousá. "Non teño previsto tomar ningunha determinación sobre o resto do grupo da Illa por unha condena que afecta unha persoa", argumentou.

Comentarios