Consello da Xunta

Rueda recoñece agora que veñen "complicacións" para os hospitais polas próximas xubilacións

60 médicas e médicos dos hospitais públicos galegos van xubilarse nestes anos e o Goberno galego recoñece agora preocupación a respecto de como afrontar o relevo xeracional. O propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta quinta feira, após a reunión semanal do Executivo, que se prevé unha "situación complicada".
Alfonso Rueda e Diego Calvo conversan durante a reunión semanal do Goberno galego en San Caetano, esta quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda e Diego Calvo conversan durante a reunión semanal do Goberno galego en San Caetano, esta quinta feira. (Foto: Arxina)

A sanidade pública galega, na que traballan miles de profesionais, vai ter que afrontar unha "situación complicada" —en palabras do presidente da Xunta— pola xubilación de aquí a 2027 de 60 profesionais médicos que traballan nos hospitais da Galiza. Alfonso Rueda recoñece agora este problema derivado de xubilacións, cuestión que sindicatos e entidades de defensa da sanidade pública levan anos advertindo. O seu Goberno propuxo, como medida para afrontar esta situación, atrasar a idade de xubilación de médicas e médicos aos 72 anos. Unha "ocorrencia", en palabras do BNG e o PSdeG.

Esas xubilacións, recoñecía esta quinta feira Rueda, obrigan o Executivo que preside a mover ficha. Sanidade, anunciou, está a elaborar un plan para "garantir a remuda xeracional": contratos de tres anos de duración a persoal MIR que remate a formación en maio e que nese tempo "collan experiencia" para substituír profesionais que se van xubilar. A xubilación e a falta de remuda, porén, non é algo que se circunscriba simplemente a médicas e médicos hospitalarios. 1.533 profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria xubilaranse entre 2022 e 2026.

Segundo as previsións do Ministerio de Sanidade, a Galiza conta con 4.501 especialistas de Medicina Familiar e Comunitaria, 2.501 dos cales desenvolven a súa actividade en Atención Primaria e os restantes noutros niveis sanitarios, superando 1.533 os 60 anos. Neste sentido, as autoridades estatais prevén que este grupo de idade estea xubilado na súa práctica totalidade á volta de 2026.

Liñas de axudas

Por outra parte, o Consello da Xunta aprobou esta quinta feira destinar 5,4 millóns de euros en diferentes liñas de axudas dirixidas a empresas tecnolóxicas e proxectos innovadores. Tamén deu o visto e prace a destinar 80 millóns de euros a adquirir bombas de insulina e sistemas monotorizados para a glucosa para persoas con diabetes.

Día galego sen tabaco

Outro acordo na reunión semanal foi o de destinar dous millóns de euros nos vindeiros catro anos a iniciativas de loita contra o tabaquismo. Unha de cada cinco galegas e galegos de máis de 16 anos é fumador habitual. Entre as propostas, Rueda apuntou a ampliar os espazos libres de fume  campus e prazas públicas, así como instaurar en outubro un Día galego sen tabaco.

PP da Illa de Arousa

A preguntas dos medios sobre se o PP valora algunha medida após que a súa candidatura na Illa de Arousa, comarca do Salnés, apoiara o seu cabeza de lista, condenado por violencia machista en 2011 e que se nega a renunciar, Rueda reiterou que quen era alcaldábel, Matías González Cañón, "non integrará o grupo municipal do PP". Sobre o resto da lista, dixo, "non teño tomada ningunha determinación".
[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios