28-M

VÍDEO | O PP da Illa rebélase contra a dirección do partido e apoia o seu alcaldábel condenado por violencia machista

Arroupado polos seus compañeiros do PP local, o cabeza de cartel difundiu un vídeo por redes sociais no que se declara como "principal afectado e vítima" dun "ataque oportunista" que atribúe aos seus rivais políticos.
Matías González (no centro) apoiado pola súa candidatura nun vídeo publicado nas redes sociais (Foto: Nós Diario).
photo_camera Matías González (no centro) apoiado pola súa candidatura nun vídeo publicado nas redes sociais (Foto: Nós Diario).

O PP da Illa de Arousa e toda a candidatura ‘fechou filas’ co seu alcaldábel, Matías González Canón, despois de transcender que foi condenado por agredir a súa ex parella no ano 2011. Contradi así á dirección do PP, que reprobou os feitos e pediu que deixase a lista, ao que este se negou.

En resposta, a dirección do PP de Pontevedra comprometeu que González Canón non formará parte do grupo municipal popular que se constituirá despois das eleccións do 28 de maio.

Pola súa parte, arroupado polos seus compañeiros do PP local, o cabeza de cartel difundiu un vídeo por redes sociais no que se declara como "principal afectado e vítima" dun "ataque oportunista" que atribúe aos seus rivais políticos.

A condena

O candidato foi condenado en 2011 por unha agresión a unha ex parella a unha pena de 25 xornadas de traballos en favor da comunidade, privación do dereito de tenencia e porte de armas durante nove meses e prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima no mesmo período. Tamén tivo que aboar unha multa que rozaba os 80 euros.

No seu vídeo comunicado, González Canón mostra a súa "absoluta repulsa a calquera acto de violencia machista", á vez que admite que lle doe "de todo corazón" que se "volva sacar un tema" polo que xa pagou "inxustamente" hai 12 anos.

“Aquí coñecémonos todos”

Así, ratifica que seguirá "adiante" co seu proxecto para A Illa. "Non vou dar nin un paso atrás", engade.

"Sorte que nesta vila pequena coñecémonos todos e sabemos quen é quen; nós imos continuar co proxecto co que queremos representar o noso concello e os nosos veciños a pesar de que tenten manchar a miña imaxe", continúa.

Finalmente, lamentou "profundamente" que haxa quen "utilice o beneficio de lei, nalgúns casos, para facerlle dano a outras persoas" e, tras remarcar que non só o seu equipo e o PP sofren dano por unha cuestión que tamén afecta a súa "familia", conclúe reiterando que condena calquera acto de violencia e apoiando "a xente que, de verdade, sofre casos de violencia de xénero".

Comentarios