A alcaldesa de Lugo pide prudencia até confirmar que o caso da muller tirada da Muralla é transfobia

Xusto no día en que a Marcha Mundial das Mulleres convocou unha concentración perante os Xulgados de Lugo en rexeitamento do ataque a unha muller transexual, que foi guindada por un home desde a Muralla, a máis de 12 metros de altura, a alcaldesa da cidade pediu “prudencia”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (Imaxe: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (Imaxe: Europa Press)

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, condenou o ataque a unha muller trans que foi empuxada desde o adarve da Muralla, á vez que apelou á "prudencia" á espera de que se confirme se se trata dun "ataque transfóbico" ou non.

"Desde o Concello sempre vemos con preocupación calquera acto de violencia, pero tamén temos que ter prudencia e esperar a confirmación, que a día de hoxe non a temos", explicou.

Nesta liña, argumentou "que no momento" que teñan "esa confirmación" de posíbel ataque "transfóbico", se "efectivamente é un acto de violencia, seríao cunha dobre vertente porque sería un acto de violencia de xénero e homofobia", considerou.

"Por tanto manifestaremos rotundamente a nosa repulsa a todo tipo de violencia, sobre todo se falamos de violencia de xénero", apostilou a rexedora.

Méndez insistiu en que lle "toca como Administración ser prudente e esperar á confirmación oficial", porque, matizou, "de momento as versións son contraditorias".

"Non está confirmado por parte de quen lle compete facer estas afirmacións, temos que ter prudencia. En todo caso, rexeitamento total e absoluto a calquera tipo de violencia, máxime cando falamos de violencia de xénero e, se vai unida á homofobia, evidentemente a indignación aínda é maior", concluíu.

Protesta da Marcha Mundial das Mulleres

Esta sexta feira a Marcha Mundial das Mulleres concentrarase perante os Xulgados de Lugo para denunciar a “agresión tránsfoba”. Será ás 19 horas.

Tamén o considera transfobia a asociación Arelas, que emitiu un comunicado condenando o ataque.

A muller, con prognóstico reservado

A moza empuxada desde a Muralla de Lugo e abandonada nun patio interior dunha vivenda con diversas fracturas permanece "estábel e con prognóstico reservado". Así o confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, que indicaron que a vítima se atopa na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Pola súa banda, o home detido pola Policía española por supostamente tirar desde a Muralla de Lugo esa moza, coa que discutira tras tomar unhas copas na zona de lecer da cidade e deixala tirada nun patio interior dunha vivenda, quedou en liberdade investigado por un delito de tentativa de homicidio.

Comentarios