Pontón afirma que a moción de censura do PP en Ribeira "é a proba de que o Goberno municipal do BNG estaba facendo un bo traballo"

A líder nacionalista cualifica a moción de censura de "bochornosa" e denuncia que "responde aos intereses persoais e partidistas dun PP disposto a todo para frear un BNG á alza".
Luís Pérez e Ana Pontón durante unha reunión de traballo. (Foto: Nós Diario)
Luís Pérez e Ana Pontón durante unha reunión de traballo. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou esta segunda feira que a moción de censura "que impulsa Rueda" en Ribeira é a proba de que o Goberno municipal do BNG que lidera o alcalde Luís Pérez está facendo un bo traballo".

Ademais, a líder nacionalista tamén firmou que "é a proba tamén de que o PP está disposto a todo para frear un BNG á alza". "Ao alcalde fáiselle unha moción de censura por facer ben o seu traballo, por ser un alcalde que abriu un tempo novo no concello, que estaba gobernando con transparencia, con igualdade e modernizando Ribeira", expresou.

A nacionalista quixo salientar, en declaracións aos medios, que se trata dunha moción de censura "bochornosa, e feita de costas á cidadanía". Unha mostra máis, engadiu, de "como os populares están demostrando a súa preocupación porque vemos un PP que está á baixa fronte a un BNG que sobe".

"Claramente están dispostos a todo con tal de intentar frear esta tendencia", denunciou, mesmo con "mañas e artimañas que non deberían darse" e, sobre todo, con mocións de censura "escuras" que o único que teñen detrás son "intereses partidistas e persoais" e que, claramente, "van ir en contra do que o Concello de Ribeira e os seus veciños e veciñas necesitan e merecen", advertiu.

A este respecto, Pontón amosouse convencida de que "dentro de dous anos a cidadanía responderá democraticamente a esta bochornosa moción de censura", segundo aseverou desde Ferrol, onde a líder da formación nacionalista mantivo un encontro cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril.

Comentarios