"Rueda non aguanta que Ribeira teña un alcalde honesto": Pontón traslada o seu apoio a Luís Pérez

De prosperar a moción de censura, a nova alcaldesa da localidade do Barbanza será a popular Mariola Sampedro.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este 29 de setembro. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este 29 de setembro. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu apoio ao alcalde de Ribeira (O Barbanza), Luís Pérez Barral, despois de que o PP e catro edís do Partido Barbanza Independente (PBBI) rexistraran unha moción de censura contra o rexedor nacionalista.

Nunha mensaxe nas súas redes sociais, a líder do BNG criticou o presidente da Xunta da Galiza e do PP na Galiza, Alfonso Rueda, por "non aguantar" que Ribeira teña un alcalde que goberna "para a maioría, honesto e cun proxecto que mellora a vida da xente".

Así, aproveitou para mandar todo o seu apoio a Luís Pérez que, na súa opinión, tras máis de dous anos como rexedor, conta co "apoio da maioría da veciñanza".

De prosperar a moción, a nova alcaldesa da localidade do Barbanza será a popular Mariola Sampedro, que tomou o relevo de Manuel Ruiz Rivas, actualmente no Senado.

Comentarios