Orzamentos de 2023

O Goberno galego endebedou cada persoa en 2022 en máis de 4.300 euros

O Executivo galego fará hoxe entrega no Parlamento do proxecto de lei de orzamentos para 2023. A proposta articúlase sobre unhas previsións macroeconómicas desmentidas polos principais estudos elaborados por organismos independentes. A partida das contas públicas que máis se incrementa é a destinada ao pago de xuros da débeda pública.

rueda corgos
photo_camera Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentando os orzamentos de 2023. (Foto:Europa Press)

O escenario macroeconómico proposto polo Goberno galego nas contas públicas de 2023 prevé un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) para o vindeiro exercicio de 1,7%. Neste sentido, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou na presentación dos orzamentos galegos, esta terza feira, que recollían unhas proxeccións avaladas por organismos como a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) e afeou ao Executivo español, na liña do afirmado por Núñez Feixoo, non facer caso das estimacións dos entes independentes nos presupostos estatais.

Porén, as previsións da Airef contradín os números da Xunta da Galiza, reducindo as súas estimacións de crecemento a un 0,6%. Así, a Airef, na súa análise dos orzamentos galegos sinala que “para o ano 2023, Galiza estima un crecemento do PIB en termos de volume de 1,7%. Estas previsións macroeconómicas realízanse nun contexto de incerteza que dificulta a súa valoración no ámbito nacional [en referencia ao Estado], pero de forma acrecentada no ámbito territorial xa que a última información dispoñíbel sobre a Contabilidade Rexional de España é a referente ao ano 2020”.

Nesta dirección, afirma que “a taxa de variación do PIB galego prevista pola Airef, de 0,6%, resulta inferior á contemplada por Galiza”. Nesta liña, cómpre advertir que a economía galega e do Estado destrúen emprego cando o PIB non medra por encima de 2%.

O PIB galego non crecerá no ano 2023

As estimacións elaboradas polo servizo de estudos do BBVA resultan aínda máis negativas para a Galiza. Segundo recolle no seu informe do mes de outubro, o PIB non vai medrar na Galiza en 2023, subindo no conxunto estatal en 1,8%. Nesta liña, os economistas do BBVA colocan Galiza á cola do Estado en crecemento económico, cunha alza do PIB de 0%, sendo superada a porcentaxe polo resto das comunidades autónomas, nunha listaxe que encabeza Balears cun aumento do PIB de 2,3%. Asemade, estas estimacións sitúan Galiza en recesión no primeiro trimestre de 2023, cunha caída do PIB de arredor de 1%.

A partida que máis se incrementa nos orzamentos de 2023 é a destinada ao pagamento dos xuros da débeda pública. O Goberno galego destina a este concepto 110,8 millóns, 48,8% máis que nos orzamentos de 2022, cando a contía dedicada a satisfacer o custo dos xuros ficou en 74,5 millóns.

Precisamente, as contas galegas de 2022 están lastradas polo importante incremento experimentado na débeda pública desde 2009. Se a volta de 2008 se situou en 3.954 millóns e significou unha carga para cada galego de 1.429 euros, 13 anos máis tarde chegou aos 12.071 millóns e anotou unha contía de 4.354 euros por habitante. A Xunta da Galiza mantén a maiores compromisos de pago por 2.335 millóns de euros até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada.

Así, entre estes, atópanse, a maiores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa e as vías rápidas do Salnés e o Barbanza. Se as obras realizadas por este procedemento computasen como débeda nos orzamentos galegos, esta situaríase neste trimestre en 14.406 millóns de euros.

A colaboración público-privada

O recurso á colaboración público-privada permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda. Un caso paradigmático disto acontece co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído mediante esta fórmula que obriga o Goberno galego a sufragar un canon anual até 2036 de 1.400 millóns de euros pola obra. En 2021 a Xunta da Galiza fixo fronte, por este concepto, a pagos de 141 millóns de euros.

Comentarios