A Xunta estima que o sobrecusto anual da dispersión é de 520 millóns de euros

Facenda recoñece que a dispersión xera un sobrecusto de 520 millóns de euros ao ano nas intervencións de cargos públicos e persoas expertas na Comisión especial para abordar un novo modelo de financiamento para a Galiza.
Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, na Comisión especial de estudo para abordar o novo sistema de financiamento.
photo_camera Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, na Comisión especial de estudo para abordar o novo sistema de financiamento. (Foto: Arxina)

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, fechou a cuarta feira as intervencións de cargos públicos e persoas expertas na Comisión especial para abordar un novo modelo de financiamento para a Galiza, recoñecendo que o sobrecusto anual da dispersión é de 520 millóns de euros.

Isto contrasta co 0,6% que o sistema de financiamento achega en base a esta variábel, que non cubre nin a metade dos custos extra que ten que asumir a Xunta, sinalou o conselleiro.

O impacto da dispersión no país “non ten comparación en ningún outro territorio do Estado”, incidiu, matizando que aínda afastándose da realidade estatal, este fenómeno “achéganos” a Europa.

Non obstante, o feito de que na Galiza se acumulen a metade de todos os núcleos de poboación do Estado encarece a xestión dos servizos públicos máis que no resto dos territorios, apuntou, poñendo como exemplo a sanidade ou o ensino, polo que cuestionou a proposta de financiamento do Executivo estatal por aplicar “unha certa discrecionalidade na definición de variábeis”, o que minimiza o peso da dispersión.

Control dos recursos

Ao final da comparecencia chegaron as intervencións dos grupos parlamentares. A líder da oposición e voceira do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reclamou que o país "teña o control do 100% dos seus recursos a través dun concerto económico".

Asemade, criticou a falta de concreción do conselleiro, amosando a súa dúbida se é que o Executivo "non ten modelo de financiamento" ou ben "non o explica en sede parlamentaria".

Pola súa parte, a deputada do Partido dos Socialistas de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou o gabinete de “usar a autonomía fiscal para rebaixar impostos ás rendas altas” e non “reforzar e blindar” os servizos públicos.

O voceiro parlamentar do Partido Popular, Pedro Puy, coincidiu con Corgos en que a dispersión é o factor fundamental, e non tanto o envellecemento da poboación.

Comentarios