A Xunta activa a Risga para os refuxiados ucraínos, que cifra en 800

Activaranse un dispositivo de atención psicolóxica e programas de orientación e adaptación curricular que axuden o alumnado ucraíno a integrarse cando antes na educación galega.
Refuxiadas ucraínas fuxindo do país en tren a través da estación de Lviv (Foto: Mykola Tys / SOPA Images).
photo_camera Refuxiadas ucraínas fuxindo do país en tren a través da estación de Lviv (Foto: Mykola Tys / SOPA Images).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta terza feira no Parlamento que a Delegación do Goberno estatal lle comunicou a chegada de 150 persoas refuxiadas á Galiza procedentes de Ucraína, malia que os seus cálculos elevan a 800 as persoas que fuxiron da guerra e chegaron ao país. Así, e logo de pedir ao Executivo estatal unha acción "coordinada", avanzou accións no ámbito sanitario e o da educación, así como a activación da Risga.

"Necesitamos coordinación, organización, que o Goberno estatal tome dunha vez as rendas desta situación", aseverou Feixoo, quen se preguntou se vai existir un plan estatal de recepción e acollida ás persoas desprazadas e cando se concretarán os fondos extraordinarios que as comunidades, concellos e entidades sociais precisan para exercer as súas funcións.

Feixoo lembrou "avances" como o comité de emerxencia que convocou a Xunta —coa participación da Delegación do Goberno, Fegamp e entidades sociais que actúan no ámbito da protección internacional—. "A Xunta está preparada para actuar no ámbito das nosas competencias, que son os servizos públicos: sanidade, educación, políticas sociais, políticas de emprego...", remarcou.

Aliás, indicou que as xerencias das sete áreas sanitarias contan con "indicacións claras" para a prestación sanitaria a todos os refuxiados, mentres que no ámbito educativo se emitiu unha instrución para a escolarización inmediata dos menores de idade.

No eido social, comunicouse a disposición de 1.400 prazas, e no ámbito laboral, as persoas refuxiadas dispoñen de acceso ás oficinas de emprego.

De forma inmediata, disporase de atención psicolóxica aos ucraínos que estean afectados por tensión pos traumática, con especial atención aos menores de idade, e activaranse programas de orientación e adaptación curricular que axuden aos alumnos a integrarse cando antes na educación galega.

A respecto das medidas que a Xunta estima que debe adoptar o Goberno do Estado, están a concreción da protección específica para os menores non acompañados ou permitir o acceso ao ingreso mínimo vital.

O Executivo galego tamén pide criterios "claros" para a homologación dos títulos de ensino medio e superior que poden ter as mulleres ucraínas que chegan á Galiza. "Sería inxusto que non puidesen continuar a súa carreira profesional ou os seus estudos porque o Goberno non estabelece as equivalencias da súa formación anterior", remarcou.

Do mesmo modo, Feixoo pide que se apoie aos concellos galegos no labor de inventario do material a recoller e almacenado nas diferentes instalacións.

Comentarios