Gregorio Agís lidera a candidatura do PSdeG a Alcaldía de Poio

Os socialistas de Poio presentaron nesta mañá a Gregorio Agís como candidato a Alcaldía. O novo cabeza de cartaz socialista é actualmente concelleiro na localidade e deputado de Infraestruturas na Deputación de Pontevedra. Agís estivo apoiado por Valentín Formoso e Carmela Silva.

_formoso__poio_pontevedra
photo_camera Valentín Formoso canda Gregorio Agís no acto de presentación da candidatura socialista en Poio. (Foto: Europa Press).

Gregorio Agís concorre por primeira vez á Alcaldía de Poio. Membro da corporación desa localidade e deputado de Infraestruturas na Deputación de Pontevedra, sucede como candidato socialista a Chelo Besada, quen dimitiu no mes de febreiro como líder do PSdeG en Poio

Agis estivo acompañado na súa presentación como candidato socialista polo secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. No acto, tamén, participou Chelo Besada, á que Formoso agradeceu o traballo e a súa “xenerosidade para favorecer a implantación dun novo proxecto”.

Formoso aproveitou a súa participación no acto para defender os Orzamentos do Estado de 2023. Neste sentido, destacou que as contas públicas para o vindeiro exercicio “son positivas para Galiza, xa que recibirá  8% do total das contas, tendo  5,7% da poboación e aportando o 5,3% do PIB estatal”.

O secretario xeral do PSdeG significou o compromiso dos socialistas coa Galiza en contrasta coa posición dos populares. Nese sentido, comparou os investimentos de 2023 cos de 2018, cando “un galego de pro como Raxoi fixo os orzamentos con menor investimento en 14 anos”.

Orzamentos do Estado

O líder dos socialistas galegos asegurou que a Xunta da Galiza recibirá “unha cifra récord” de 9.402 millóns de euros, “o que significa un aumento de 24%”. Nesa dirección, esixiu a Rueda que “invista onde hai que facelo”,  principalmente nos ámbitos da educación ou da “colapsada” sanidade galega, xa que entende que “débello aos galegos e galegas”.

Formoso indicou que “o Goberno cumpre nas infraestruturas”, polo aumento dos cartos para portos e rede ferroviaria e nas “políticas sociais e axudas contra a crise de prezos”.

O máximo responsábel do PSdeG presentou a súa formación como mellor garante do poder adquisitivo das pensións, destacando a  suba de 8,5% para 2023, na liña do incremento da inflación nesta anualidade.

O secretario dos socialistas galegos salientou, tamén, “o aumento do investimento nun 27% para a provincia de Pontevedra para as contas de Estado”.

Comentarios