26X: O BNG pide un debate con Feijóo e a supresión do mailing eleitoral

Finiquitar o envío masivo de papeletas ás casas suporía aforrar 50 millóns de euros, afirma Ana Pontón, que lembra que o Bloque xa aplicou esta medida nos últimos procesos electorais.

ANA PONTON ROLDA DE PRENSA
photo_camera ANA PONTON ROLDA DE PRENSA

Suprimir o mailing e garantir debates nos que teñan voz todas as forzas políticas que concorren por Galiza son as dúas propostas que esta segunda feira puxo sobre a mesa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en relación coas eleccións xerais do vindeiro 26 de xuño. Os nacionalistas entende que é posíbel aforrar cartos públicos na campaña electoral, propoñendo ás forzas estatais que dean o paso que o BNG deu hai varios comicios: suprimir o envío masivo de papeletas ás casas, máis coñecido como mailing.

“É unha medida que nos permite aforrar 50 millóns de euros e, ao mesmo tempo, gañar en democracia”, subliñou Ana Pontón, “un aforro real e inmediato de cartos públicos que só require que as forzas políticas estatais deixen de marear e pasen aos feitos”. Lembrou que o Bloque xa aplicou esta medida nos últimos procesos electorais dos comicios europeos, municipais e estatais. “Manteremos o mesmo criterio o 26X”, indicou. Neste sentido, anunciou que, “unha vez máis”, o BNG vai facer unha campaña “austera”, sen pedir financiamento á banca, de novo co esforzo e co traballo da militancia e dos e das simpatizantes. “Unha fortaleza da que estamos moi orgullosos e da que presumimos”.

Debate

Pontón tamén anunciou que o BNG vai solicitar debates nos medios de comunicación públicos entre todas as forzas que concorren ás eleccións do 26X nas circunscricións de Galiza. “Queremos saber se ao señor Feijóo lle aburren e lle cansan os debates, como a Rajoy, ou se está disposto a dar a cara”, indicou, ao tempo que dixo confiar en que a CRTVG “xogue o papel” que lle corresponde “e favoreza estes debates cun formato e un horario de máxima audiencia”. A cidadanía “ten dereito a ver debater na televisión aos máximos responsables políticos, escoitar e valorar os proxectos de cada partido e decidir desde a liberdade e desde a información”.

A preguntas dos xornalistas, Pontón evitou valorar as divisións en relación a En Marea, que atribuíu ás dificultades de casar intereses cando as alianzas son con forzas políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid. “No BNG temos moi claro que é moi difícil que os intereses das forzas políticas de ámbito estatal coincidan cos intereses das forzas que defendemos unha alternativa nacionalista de futuro para este país".

Comentarios