Os 1.600 millóns de euros que a Xunta paga de máis por se financiar con bancos e fondos privados

En Marea indica que esa cifra aforraríase se o goberno galego recorrese aos mecanismos de financiamento do estado.

En Marea

A Xunta paga 1.670 millóns de euros “de máis”por non se financiar a través dos mecanismos públicos e apostar en facelo a través de bancos e fondos privados. Así o denuncian desde En Marea. O portavoz do partido, Luis Villares, e o deputado Manuel Lago censuran o que cualifican de “operación de imaxe e propaganda” de Núñez Feijóo e que “custa 1.670 millóns”, uns beneficios “moi suculentos para os bancos privados en detrimento da cidadanía”.

Villares explicou que ao longo de todos estes anos, “e para manter a imaxe inmerecida de bo xestor”, Feijóo optou por non recorrer a eses mecanismos de financiamento do estado. Manuel Lago presentou os datos dun informe que En Marea fixo en base a cifras e cálculos oficiais do Ministerio de Facenda. O parlamentar explicou que entre 2012 e 2015 Facenda puxo a disposición das comunidades 131.000 millóns de euros, dos que Galiza apenas solicitou 1.500 millóns, 1,2%, “cando a economía galega representa entre 5 e 6%”.

Ademais, proseguiu Lago, o goberno galego só empezou a recorrer a esa vía en 2015. “Entre 2012 e 2015 a Xunta endebedouse en 7.057 millóns de euros e no canto de facelo acudindo a unha fonte de financiamento pública, con tipos de interese máis baixos, acudiu á gran banca e fondos privados de investimento, pagando intereses moito máis elevados”.

Metabolizar a débeda

Ademais, explicaron desde En Marea, o estado baralla metabolizar a débeda das comunidades autónomas, co que deste xeito 'condenaríase' a débeda, de aí que a Xunta, dixo Lago, "esté agora a correr como unha tola para endebedarse co fondo de financiamento autonómico".

Comentarios