As cifras de desemprego desoen a Feijóo e medran por riba da media do estado

O presidente da Xunta de Galiza teimou durante a campaña electoral e os discursos pronunciados durante os actos de constitución do novo executivo galego, en asegurar que as cifras de desemprego en Galiza eran "moito mellores que a media española". Os datos tirados do mes de novembro amosan que o número de persoas desempregadas en Galiza aumentou en máis de 23.000 a respecto do ano anterior.

Alberto Núñez Feijóo empregou durante o seu mandato a comparativa de datos a respecto da media estatal para loar a xestión do seu goberno. Porén, as cifras tiradas esta terza feira polo Servizo Público de Emprego desoen o presidente da Xuna e deixan unha suba do número de persoas desempregadas dúas veces maior que no Estado español.

Na investidura do seu mandato anterior, Alberto Núñez Feijóo aseguraba que remataría co desemprego en 45 días e así o reflectía no "contrato con Galiza" presentado en Monte Pío hai catro anos. Porén, a cifra de persoas sen traballo aumentou durante o pasado curso político de maneira exponencial, pasando de 170.000 persoas sen emprego en 2009 ás perto de 300.000 persoas que recollen dos datos tirados polo Servizo Público de Emprego. En febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo argüía na cámara --perante unha interpelación do grupo nacionalista-- que non tiña "case competencias para loitar contra o paro" para xustificar un incremento do 60% respecto ao desemprego rexistrado desde que asumiu a presidencia da Xunta.

Núñez Feijóo aseguraba en febreiro de 2011 no Parlamento que non contaba "case con competencias para loitar contra o paro"

Nesta ocasión, durante a súa toma de posesión como novo líder do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo mediu máis as súas palabras cando aseguraba ter "moi presente o abafante drama dos galegos sen emprego" e situaba a "necesidade de esperanza do pobo que represento" como unha das cuestións que marcarían o traballo do seu executivo durante os vindeiros catro anos, no entanto, reiterou que as cifras apoiaban a xestión do seu goberno e situaban a taxa de desemprego por debaixo da media española. Así llo repetiu, máis unha vez, aos voceiros da oposición durante o debate de investidura desenvolvido a pasada quinta feira.

As cifras de desemprego feitas públicas esta terza feira, desoen as palabras do presidente da Xunta de Galiza situando o incremento da taxa de desemprego en Galiza por riba do dobre da suba nun Estado español que se sitúa a piques de superar os seis millóns de persoas desempregadas, a taxa máis alta da UE dos 27.

Comentarios