O xulgado adía a vista pola prohibición de que os Franco retiren bens de Meirás

A Avogacía do Estado solicitou ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña o atraso da data do 27 de novembro ao 2 de decembro. En paralelo, o Diario Oficial da Galiza (DOG) xa publicou a incoación do procedemento para declarar BIC a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, cunha importante parte gardada no pazo.

Un instante da xornada na que se comezou o inventario de bens no pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Un instante da xornada na que se comezou o inventario de bens no pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A vista xudicial para analizar as medidas cautelares que pesan sobre o pazo de Meirás, entre as que destaca a prohibición de que os Franco retiren bens do inmoble porque se están a inventariar, quedou hoxe adiada até o 2 de novembro.

A previsión era comezar esta sexta feira, pero a Avogacía do Estado demandou o traslado á semana próxima para analizar polo miúdo as propostas achegadas pola familia do ditador. O antigo edificio da Audiencia Provincial acollerá a sesión a partir das 13.00 horas.

De feito, este acto xudicial vai ter lugar pola oposición dos Franco ás medidas cautelares sobre os bens gardados no edificio.

Ademais, a entrega do pazo está fixada para o 10 de decembro, pero queren “polo menos dous meses” para retirar as propiedades que critican que entren no listado.

Defensa da biblioteca

Mentres a Xustiza decide quen ten razón, hai procesos que avanzan a outro ritmo como a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Unha parte está na sede da Real Academia Galega (RAG), mais en Meirás hai arredor de 3.000 volumes.

A Xunta publicou no Diario Oficial da Galiza (DOG) a incoación do expediente para a declaración de BIC, algo que a Academia celebrou.

“Con este paso quedan protexidos de inmediato os títulos da biblioteca”, declarou o presidente da RAG, Víctor Freixanes, que agarda que así os Franco non retiren ningún patrimonio cultural.

“Igual que se reivindica o edificio, a RAG reivindica os libros, que forman parte da crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán”, resumiu.

Tamén o Concello de Sada, onde está situada a edificación, comunicou a súa alegría polo avance cara o BIC.

Comentarios