Xoán Antonio Pillado (historiador): "A historia fana as masas sociais"

Mestre e historiador, o cambadés Xoán Antonio Pillado, ex dirixente do PSG e do BNG e primeiro alcalde da democracia (até 1987), vén de publicar tras 10 anos de investigacións o seu traballo 'Onomástica popular cambadesa' (Lobishome producións), un monumental tratado dos alcumes de Cambados (O Salnés).
O cambadés Xoán Antonio Pillado Silvoso (Foto: Nós Diario).
photo_camera O cambadés Xoán Antonio Pillado Silvoso (Foto: Nós Diario).

—Vostede investigou moito sobre os alcumes cambadeses. Que leva a alguén a dedicarlle á onomástica popular da súa vila natal dez anos da súa vida?
Todo fenómeno ten a súa causa, pero ás veces son varias as causas que se conxugan para producir un efecto. No meu caso tamén foron varias as razóns polas que me embarquei nesta aventura.

En primeiro lugar decateime da importancia como patrimonio cultural – patrimonio inmaterial, mais patrimonio – dun conxunto de nomes creados pola imaxinación popular, que merecen ser conservados, e que, como ocorre con outros patrimonios, corren o perigo de desaparecer. Tamén me decatei de que detrás de cada nome había unha historia, moitas veces aparentemente intranscendente, pero que en conxunto forman a nosa historia popular, a nosa historia interna. Vin ademais a necesidade de pór en valor todos estes nomes, dos que moita xente se sente orgullosa, como unha herdanza familiar e un título de identidade.

—Ao remate da lectura desta obra un queda coa sensación de que o que fai vostede, en realidade, é a intrahistoria cambadesa, tomando como pretexto os nomes populares das sagas familiares, destacando aqueles feitos que sendo, en xeral, protagonizados por xente do común, non saen nunca nos libros que relatan a historia da vila de Cabanillas.
En efecto, hai a crenza xeral de que a historia – sexa dunha pequena localidade ou dun gran país ou nación– é a que nos fala de grandes feitos, batallas, conquistas, construción de monumentos, formación dunha nación… debidos á iniciativa de importantes caudillos ou líderes; mais a verdade é que nunha guerra morren milleiros de persoas anónimas, e que na construción dunha catedral ou dun acueduto participa unha multitude de xente descoñecida. 
A historia fana as masas sociais. E as pequenas historias desas xentes, a súa vida cotiá, os seus costumes e tradicións forman o que os historiadores chaman a intrahistoria, a historia interna, o cerne desa outra historia externa, que lemos, que estudamos,e que nos identifica coa comunidade na que vivimos. 

—Sendo un historiador moi coñecido en Cambados, é de supor que lle resultou doado o acceso a moitas familias, entre as que atoparía moita colaboración, mais tamén debeu ser complicado ter que referirse a alcumes que, digámolo así, non son gratos para as familias que os levan e ás que se cadra non lles puido preguntar pola orixe dos mesmos...
Pola amplitude do traballo é materialmente imposíbel contactar con todas as familias citadas, mais si cun gran número delas, coas que tiven unha boa acollida e colaboración. Si, é verdade que hai algúns alcumes que teñen unha carga pexorativa grande, que son moi faltóns, insultantes. Nestes casos limiteime a deixar constancia da súa existencia e explicación, se a sabía ou ma contaran, sen ningunha identificación. A pesar de todo, hai persoas que o teñen ben asumido e non lle dan importancia.

—Pensa que son os alcumes síntomas dunha sociedade en desaparición? É posíbel que esa tradición que cando menos nos vén desde a invasión do Imperio romano, pode desaparecer? Ou fenómenos modernos como os nickname das redes sociais demostran que van quedar?
Os alcumes sempre existiron, existen e seguirán existindo. Hainos en todas as culturas. O ser humano ten a tendencia a identificar, definir, singularizar os demais e tamén a si mesmo. Desaparecerán alcumes, mais tamén nacen outros novos.

—Levou grandes sorpresas no seu proceso de investigación?
Si, algunhas si. Por exemplo, sempre pensei que nos portos de mar, como é o caso de Cambados, habería moitos alcumes procedentes do medio mariño (peixes, mariscos, traballos no mar, artes, talasotopónimos…). Pois non. En Cambados só representan 7%. Pero é que tamén noutras localidades similares como Muros, Rianxo, A Illa de Arousa, O Grove ou Moaña non chegan a 10%. Só A Guarda chega a 12%. Tiña razón Francisco Fernández Rei, 'Paco de Xenxa', cando dicía que “na cultura galega hai moita costa pero pouco mar”.

Tamén me chamou a atención que algún crego reflectise nalgunha acta de bautismo, casamento ou defunción o alcume da persoa acompañando o nome e apelidos. 

Nun caso, até figura o alcume como única identificación. Nestas actas atopei apelidos antigos, que xa se perderon, pero que aínda seguen vivos como alcumes en persoas da mesma familia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios