A Virxe do Carme, un culto de fai 100 anos decretado pola coroa española

Hoxe celébrase a festa maior da Galiza mariñeira. Actos lúdicos e relixiosos inundan a práctica totalidade das localidades do litoral do país en honra da Virxe do Carme. Porén, esta festividade é moi recente entre as xentes do mar.

Virxe do carme
photo_camera Procesión marítima da Virxe do Carme en Cariño, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario).

Actualmente poucos son os mariñeiros, pescadores ou veciñanza da Galiza litoral que lembre outra santidade que non sexa a Virxe do Carme. Semella para a maioría da poboación que é unha devoción tradicional xa secular.Porén, a realidade é moi distinta ao tratarse dunha devoción relativamente moderna, cuxa data chave é 1901, cando a raíña rexente María Cristina declarouna patroa da mariña de guerra. Desde entón, debido a que na Armada era onde cumprían o servizo militar a maioría dos mozos mariñeiros, popularizouse de tal forma que substituíu todos os santos ligados desde séculos antes ás xentes vinculadas ao mar.

O etnógrafo e historiador Clodio González Pérez ten explicado a aparición do culto á Virxe do Carme como resultado de “decretar en 1901 a raíña rexente María Cristina que a patroa da mariña de guerra será a Virxe do Carme. Desde esa data os cuarteis da Armada convértense nos principais centros de espallamento da devoción carmelita, ao pasar por eles milleiros de mozos, en particular das terras costeiras, na maioría pescadores”. Neste sentido, o acontecido con este culto ilustra o papel xogado polo Exército na imposición do corpo doutrinal e simbólico que acompaña o proxecto político estatal e na transmisión da súa ideoloxía, actuando como un instrumento para a batalla ideolóxica.

A extensión do culto prodúcese nos anos 40

A xeneralización do culto á Virxe do Carme na Galiza costeira non se produce até os anos 40. Sen ir máis lonxe, a devoción aos santos tradicionais dos mariñeiros galegos, que deron nome aos poderosos gremios do mar activos até 1869, competía coa tradición carmelita aínda nas primeiras décadas do século XX. Un caso disto é Santo André, mariñeiro e apóstolo, representado cuns peixes na man e a quen rendían culto nese período as xentes do mar de Ortegal e Trasancos, como aínda lembra a cantiga “Meu Señor San Andresiño/ póñanos o vento en popa/ que somos os de Cariño/ e traemos a vela rota”.

Outro santo e apóstolo que segundo a tradición, como Santo André, chegou nunha barca de pedra, San Bartolomeu, actuaba de patrón dos mariñeiros en diversas localidades do mar Cantábrico, como Xove, ou do Atlántico, como Noia.

San Pedro, irmán de Santo André, mariñeiro e apóstolo como el, foi durante séculos a devoción máis clara entre os mariñeiros do Cantábrico galego. A este respecto, Clodio González sinala que “por antigüidade quizais fora o primeiro patrón con que contaron os navegantes e, en particular, os pescadores” e lembra como “a súa festividade continúa en varias localidades da costa”.

Así, por exemplo, acontece no núcleo mariñeiro ribadense de Rinlo, onde funcionou un gremio de mareantes baixo a súa advocación, ou en Foz, cuxo gremio do mar, en funcionamento desde o século XVI até 1867, respondeu ao seu nome, manténdose, máis tarde, como patrón da confraría local de pescadores.

Pedro González, o 'Corpo Santo'

Os nomes e advocacións dos gremios do mar existentes durante séculos nos portos galegos deixan moitas pegadas sobre os santos tradicionais dos pescadores galegos. Un caso paradigmático é o de Pedro González, coñecido popularmente como San Telmo ou o Corpo Santo, que deu nome a ducias de gremios do mar desde o século XIV e cuxa devoción foi a máis estendida entre as xentes do mar da Galiza. En 1384, xa funcionaba en Tui unha agrupación de mariñeiros con este nome.

Pedro González (Fromista,1190-Tui, 1246) é outro deses santos galegos recoñecidos polo pobo pero non polo Vaticano. Cóengo de Tui e persoa da máxima confianza de Fernando III, segue agardando pola súa canonización, porén para as xentes de Tui e para os mariñeiros de longa tradición, leva moitos séculos sendo o seu patrón.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios