Veciñanza de Bueu lembra o alcalde Johan Carballeira, asasinado polos franquistas
Con motivo do 88º aniversario do fusilamento do alcalde de Bueu, o poeta e xornalista Johan Carballeira, o Concello desta localidade do Morrazo e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizaron esta quinta feira o tradicional acto de homenaxe. A lembranza comezou coa habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. Alí, as persoas asistentes lembraron a figura do que foi alcalde de Bueu antes do golpe de Estado do 1936, amais de poeta e xornalista sempre a favor das causas xustas.
No monumento depositouse un ramo de flores coincidindo coa data de 1937 en que aconteceu o seu fusilamento no monte da Caeira, en Poio (comarca de Pontevedra), no mesmo día que outros veciños da vila, caso de Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros da Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT en Bueu. No acto participou o alcalde da localidade, Félix Juncal; o historiador e investigador Xosé Álvarez Castro, autor de diversos libros sobre memoria histórica; e represión na zona, e a violinista Lía Vilas.
Johan Carballeira
En declaración a Nós Diario o secretario da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, Xosé Novas salienta de Johan Carballeira "a súa implicación no Partido Galeguista que, ao redor del, tivo grande importancia en Bueu, con 70 militantes en 1932". Esa base política contaba "con xente moi representativa do municipio" que acompañaba a figura do xornalista e poeta. Neste sentido, Novas pon énfase no traballo de Carballeira "na publicación El Pueblo Gallego, onde desenvolveu un xornalismo moderno e innovador, con reportaxes por toda a Galiza interior que logo publicaba como crónicas no xornal". Ademais, explica que aproveitaba a chegada a Vigo de barcos que viñan "con personaxes famosos que entrevistaba".
Malia a implantación do Partido Galeguista eses anos, o investigador lembra que "no denominado bienio negro destitúen a Corporación e entra unha xestora do Partido Radical con algúns elementos de dereitas", un momento "duro" até que chegou a vitoria da Fronte Popular que ten pouco tempo para actuar", sinala. Ese Goberno municipal, aclara, tiña o Partido Galeguista como maioritario mais contaba tamén con outras formacións e tamén "representación dos mariñeiros". Coa chegada do golpe de Estado, o investigador pon o foco na "terríbel represión, cos asasinatos, ademais de Carballeira, do tenente alcalde e varios concelleiros da corporación".
Recuperación da memoria
No acto, o historiador Xosé Álvarez Castro botou man das verbas de Cicerón para asegurando que "a verdad corrómpese polas mentiras, mais tamén polo silencio, polo esquecemento". Por este motivo pediu que non se esqueza o que aconteceu na época da represión e da dictadura. Por último demandou que "para fechar feridas ten que haber petición de perdón, arrepentimento e un recoñecemento público"
Pola súa parte, o alcalde de Bueu, Félix Juncal (BNG), preguntado por Nós Diario, quixo agradecer á asociación o convite a un acto que ten "un carácter de homenaxe e tamén de reivindicación por ser persoas que foron represaliadas pola súa ideoloxía". Por este motivo asegura que, de cara ao futuro, "hai que proxectalas nun momento como o actual onde agroman ideas que críamos desterradas e que temos que combater".
Noutra vila mariñeira, A Pobra do Caramiñal (O Barbanza) antonte homenaxeouse Manuel Hermo Vidal, alcalde do municipio e que foi fusilado polos franquistas no golpe de Estado.
Placas 'Stolpersteine'
A homenaxe a Johan Carballeira, como recoñece Álvarez, leva moitos anos realizándose e co tempo ampliaron a lembranza no monumento a outras vítimas defensoras das liberdades. Neste sentido o Concello xa recibiu desde Alemaña as placas Stolpersteine correspondentes a José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1947, e Manuel Rey Cruz, veciño da Graña e falecido o 20 de maio de 1947.
"Faremos un acto en maio ou xuño para lembrar que morreron en Mauthausen-Gusen", afirma o historiador. Ambos os dous chegaron ao campo de concentración nazi por sendas diferentes. "O primeiro fuxiu e loitou na fronte republicana até pasar a fronteira mentres que o segundo era mariñeiro en Alxeciras e acabou en Francia", relata Álvarez.

