'30 castelos para descubrir un reino'

A Torre de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal, unha xoia do Medievo

Da antiga presenza de plantas xuncáceas na zona agromou o topónimo Xunqueiras, termo que por ligazón con esta procedencia derivou no plano da onomástica, dando identidade a sucesivos escudeiros desta liñaxe. En aplicación do Real Decreto 1054/1981, de 27 de marzo, polo que se declara monumento histórico-artístico de carácter nacional a torre-fortaleza de Xunqueiras, ten a consideración de BIC.
Torre Xunqueiras. (Foto: Martiño Picallo Fontes)
photo_camera Torre Xunqueiras. (Foto: Martiño Picallo Fontes)

Sitúase o castelo de Xunqueiras no lugar homónimo da freguesía de Santa María do Xobre, no Concello da Pobra do Caramiñal, sobre a aba dun outeiro dende o que se domina a ría da Arousa e a equidistante distancia das vilas e portos da Pobra do Deán, O Caramiñal e Palmeira. Paso obrigado das antigas vías terrestres aí onde se xuntan a chaira, a serra e a península do Barbanza. A Curota é o punto máis elevado de toda a serra e acada uns 500 metros sobre o nivel do mar, lugar dende o que se contempla boa parte do Barbanza, a ría de Muros, as illas de Sálvora, Ons e Cíes... Linda o municipio cos de Boiro, Porto do Son e Ribeira.

As primeiras referencias medievais sobre Xunqueiras están vinculadas á historia desta casa dende o século XIII.  É posible documentar as súas orixes a partir de 1272 na figura de Fernán Martis de Xunqueiras, “O Vello”, a quen sucede un Martiño Rodríguez de Xunqueiras. Son o inicio dunha nómina de sucesivos persoeiros con tales nomes e patronímico da súa liñaxe.

Constan por numerosas escrituras en galego interesados en compras, vendas, permutas e doazóns de bens, rendas e dereitos de padroado que reúnen sobre todo por aforamento de San Paio de Antealtares ou herdanza dos seus familiares. Así o feudo dos Xunqueiras adquire gran número de posesións e señoríos. Tanta progresión na riqueza e influencia elevaría o ascenso social da liñaxe, emparentando co máis florido que daquela ofrece a nobreza galega. Lembramos o que sería o cuarto Martiño Rodríguez de Xunqueiras, casado con Inés Gómez de Soutomaior, filla do célebre Paio Gómez de Soutomaior, sobriño do cóengo e racioneiro Fernán Martis, primo do arcebispo Álvaro de Isorna. Referente de parentesco e nepotismo na Galiza.

En 1443 recibe de Xoán II de Castela o privilexio vitalicio de 3.000 marabedís sobre a venda do viño e peixe da Pobra do Deán. Falece arredor de 1464, data do epitafio da capela funeraria que mandou facer na igrexa de Santiago do Deán ao seu fillo e sucesor, Estevo de Xunqueiras.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios