Sabías que Noia foi bombardeada no Día da Patria Galega de 1936?

Desaparición dunha das placas que lembraban aquel feito.

Unha placa que lembra aquel ataque desapareceu estes días. 

En 2015 o Concello de Noia inauguraba tres placas noutros tantos puntos da localidade para lembrar un suceso que descoñece grande parte da sociedade galega e tamén da propia comarca: o bombardeo da vila por un hidroavión fascista o Día da patria de 1936, o 25 de xullo.

Unha desas tres placas “desapareceu” estes días, feito que se puxo en coñecemento da Policía Local a principios de mes e que agora chegará ao pleno municipal do día 30 da man dunha moción de urxencia do BNG. Non é esta a primeira ocasión na que desaparece unha destas placas, o que xa acontecera en 2016. Finalmente, porén, a Policía anunciou esta tarde a aparición e reposición da placa.

Mais, que pasou en Noia naquel 25 de xullo? Por aquela data boa parte da Galiza xa estaba en mans dos franquistas após o seu golpe de estado mais non así esta localidade da comarca de Noia, onde se mantiña a resistencia ao fascismo.

O día 25, e segundo crónicas do tempo e que recolle o historiador Xerardo Agrafoxo, un hidroavión apareceu polo Testal para botar sobre a vila tres bombas, Afortunadamente, dúas non estouparon.

Os lugares onde caeron estes artefactos foron na avenida de Galiza, ás portas do antigo restaurante Ceboleiro; no Campo da Feira -onde había centos de persoas- a na Casa da Agra, estoupando só esta última.

Case 80 anos despois daquel feito, en 2015, o Concello inauguraba 3 placas conmemorativas para manter a memoria dun ataque que puido causar unha traxedia.