Concello e CRMHB lembran o asasinato de Francisco López e Manuel Piñeiro

Rianxo homenaxea ás vítimas do franquismo

O Concello de Rianxo e a Comisión pola Recuperación Memoria Histórica do Barbanza (CRMHB) ergueron na maña de hoxe un monólito no Alto da Paradegua, en Burés, na parroquia de Asados para homenaxear ás vítimas do franquismo. O lugar escollido para esta iniciativa foi utilizado polos franquistas en 1936 para asasinar a Francisco López Pérez “Fontevella” e a Manuel Piñeiro Abeijón.

 

Acto de homenaxe ás vítimas do franquismo en Rianxo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de homenaxe ás vítimas do franquismo en Rianxo. (Foto: Nós Diario)

A xornada de homenaxe ás vítimas do franquismo contou coa intervención do alcalde de Rianxo Adolfo Muíños, do historiador Xesús Santos e dun representante da CMHB. Ao tempo, a actriz Tero Rodríguez  deu lectura a uns textos e os grupos Barahunta e a violinista Lurdes Oubes puxeron a pegada musical.

Os participantes lembraron as figuras de Francisco López Pérez “Fontevella” e de Manuel Piñeiro Abeijón asasinados no Alto da Paradegua en 1936. López Pérez, natural e veciño da localidade rianxeira de Taragoña tiña 34 anos no momento do seu asasinato, o 12 de setembro de 1936.

A CRMHB sinala que “os executores tanto os da vila como os de fóra procuraban levar ao reo para matalo o máis lonxe posíbel. Non aconteceu nos casos de “Fontevella” dado que se enfrontara cos seus verdugos dentro do coche que o trasladaba”

Manuel Piñeiro Abeijón natural de Macenda-Boiro foi executado o 14 de agosto de 1936). Segundo documentan desde a CRMHB, “levaron o corpo pola mañá nunha camioneta e tirárono enfronte da casa de Xacobo, de Asados, moi preto do cemiterio, deixándoo “caer en alto en peso” na estrada, para logo lévalo nunha esqueira a enterrar, pero pasando primeiro pola caseta do cemiterio coa finalidade de facerlle a autopsia”.

O cura de Asados

As entidades organizadoras do acto lembran que cando o cura de Asados soubo da súa morte afirmou “aquí non me traiades máis xente desta a enterrar!”, unha frase que “fixo dubidar á xente sobre a súa humanidade”.

Segundo sinala a Nós Diario, o alcalde da localidade, Adolfo Muíños, “con este monólito que inauguramos hoxe pretendemos sinalizar os espazos da memoria no concello de Rianxo e lembrar as vítimas da ditadura na localidade”. Neste sentido, Muiños avanza “a instalación de novos monólitos noutros lugares do concello asociados á represión franquista”

Muíños destaca que para “o Goberno de Rianxo é de xustiza facer lembranza, reparación e memoria do acontecido cos demócratas após o golpe de Estado de 1936 e polo tanto estamos embarcados en restaurar a memoria daqueles lugares máis ligados a represión”

85 anos do asasinato dos irmáns 'Insua'

A homenaxe organizada na xornada de hoxe desenvolveuse cando se cumpráin 85 anos da tráxica morte en Vigo de nove antifascistas en Vigo que tentaron abandonar a Galiza franquista por mar no “Bou Eva”. Dous deses asasinados, os irmáns Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, naturais e veciños de Rianxo, eran coñecidos na localidade como “Os Insua”

Xosé Losada Castelao (Rianxo,1891-Vigo,1937), curmán de Daniel Castelao, mestre en diversas localidades galegas e militante nacionalista desde 1921, era, en palabras do poeta Manuel Antonio “un rapaz sumamente agradábel, e con quen se pode falar de moitas cousas. Ten ademais boa madeira de bo galego”.

Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1905-Vigo,1937), mestre de profesión coma o seu irmán, persoa de altas calidades artísticas, fixo parte do consello nacional do Partido Galeguista, actuando como o principal líder do nacionalismo galego na localidade no período republicano.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios