venres 30/10/20

Afonso VIII, rei galego de principio a fin

O 23 de setembro de 1230 finaba en Sarria, camiño de Compostela, o rei Afonso VIII. Fillo do monarca galego Fernando II e da raíña portuguesa Urraca, pasou a súa mocidade na Galiza, educándose na Casa de Traba e destacando como poeta en lingua galega. Após un conflitivo proceso, foi coroado en 1188 grazas ao apoio da nobreza, manténdose á fronte do reino até 1230 en constante litixio contra Castela. Está enterrado no panteón real da catedral de Compostela, a cuxa construción tanto contribuíu seguindo o proxecto familiar.
rei Afonso VIII
Representación do rei Afonso VIII. (Foto: Nós Diario)

Foi un rei galego. Se a historiografía leonesa o critica polo papel subalterno que lle outorga a esa área do reino en detrimento da Galiza, a historiografía española arremete contra el pola súa loita permanente contra Castela. Ao tempo, desígnao como Afonso IX, ao existir un rei castelán contemporáneo co que mantén grandes litixios denominado Afonso VIII, co obxectivo de ofrecer unha imaxe de falsa unidade estatal e negar a existencia dun reino da Galiza independente de Castela nos séculos centrais da Idade Media.

Afonso VIII foi un instrumento do partido galego no ámbito ibérico e europeo. Galego de nación, educado por Xoán Ares e Urraca Fernández, filla de Fernán Pérez de Traba, pasou boa parte da súa mocidade nas terras da Limia, até a súa coroación en xaneiro de 1188, após un duro conflito só resolto pola intervención da nobreza galega. O galego foi a lingua habitual do monarca, sendo moitos os investigadores, comezando por Carolina Michaelis de Vasconcelos, que o situaron como un dos pioneiros da escola lírica galego-portuguesa e autor de diferentes cantigas perdidas.

O carácter galego do seu reinado

A acción gobernamental de Afonso VIII evidencia o carácter galego do seu reinado. Continuador do programa político do seu pai, Fernando II, apostou polo diálogo e por unha relación fluída cos territorios peninsulares de cultura árabe e destacou polo seu apoio á actividade mercantil. Neste sentido, outorgou foros e impulsou a fundación de cidades ou vilas como A Coruña, Betanzos, Tui, Baiona, Melide, Monforte de Lemos, Ponte Caldelas, Sarria, Lobeira, Triacastela ou Castro Caldelas. Precisamente, o foro de Castro Caldelas de 1228 é un dos primeiros documentos en lingua galega do que temos coñecemento.

O compromiso coa edificación da catedral de Compostela é significativo disto. A posta en marcha dunha obra desa magnitude só é explicábel desde a perspectiva do papel hexemónico da Galiza no espazo cristián peninsular e contando co apoio da casa real, até o punto de achegar fondos e autorizar o cabido a acuñar moeda para financialas, conforme a vontade de Fernando II e do seu fillo Afonso VIII de concluír o santuario nacional do seu reino e rematar o seu propio panteón dinástico, enterrándose un e outro monarca no mesmo.

O reinado estivo marcado polo enfrontamento constante con Castela

A aposta de Afonso VIII pola cultura deixou pegada até hoxe. Á volta de 1218 promoveu a posta en marcha do Estudo Xeral de Salamanca, xerme da universidade do mesmo nome e primeira institución educativa en Europa en recibir tal denominación. A entidade constituíse sobre a base da Escola Catedralicia de Compostela fundada pola raíña Sancha I e estivo rexida durante a Idade Media polos arcebispos composteláns. A este respecto Fernández, Robles e Rodríguez, no seu estudo sobre a Universidade de Salamanca sinalaron que a cidade “era como unha segunda residencia dos arcebispos composteláns” e que “os primeiros profesores da mesma tíñanse formado en Boloña e París e procedían da Escola Catedralicia de Compostela”.

As cortes de 1188

Afonso VIII está considerado como o pai do parlamentarismo en Europa. Así, a Unesco recoñeceu en 2012 que “o corpus documental dos Decreta” de 1188 contén a referencia “ao sistema parlamentario europeo máis antigo que se coñece”. As cortes convocadas polo monarca galego en 1188 en León coa participación da nobreza, do clero e por primeira vez dos representes dos plebeos responderon ao seu compromiso coa actividade mercantil e as cidades nun momento de tensións económicas. Ao tempo serviron para institucionalizar dereitos como hábeas corpus, significando, en palabras da Unesco “un modelo de Goberno e da administración en xeral”.

O reinado de Afonso VIII estivo marcado polo enfrontamento continuado con Castela e a loita por garantir a continuidade dunha Galiza independente. Os litixios dos galegos co reino castelán obrigou o monarca a tecer diversas alianzas no ámbito peninsular para debilitar o peso castelán, que contou co forte apoio do papado, até poñer en marcha en 1191 o pacto de Huesca, unha liga impulsada por Afonso VIII co apoio dos reinos de Portugal, Navarra e Aragón para loitar contra Castela.

A morte á volta de 1214 do seu fillo Afonso, froito matrimonio con Tareixa de Portugal, supuxo un duro golpe para o seu proxecto, no contexto dun enfrontamento cada vez maior con Castela. Afonso VIII non dubidou en nomear como sucesoras á coroa da Galiza as súas fillas Sancha e Dulce, comprometéndose Portugal no pacto de Baroncelle da Lima de 1219 a garantir os dereitos ao trono das dúas irmás, fillas tamén da raíña portuguesa Tareixa. Asemade, rachou as relacións co seu fillo Fernando unha vez que foi nomeado rei de Castela, despoxándoo dos seus dereitos sobre a coroa galega, enfrontándoo militarmente e obrigándoo no Pacto de Toro de 1218 a renunciar a reinar sobre Galiza e recoñecer como lexítimas herdeiras as súas irmáns Sancha e Dulce.

O comezo da fin da independencia galega

A morte de Afonso VIII é o punto de partida para o proceso de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelán. Malia que Sancha e Dulce foron confirmadas como raíñas polo partido galego á morte do pai, Fernando III, apoiado polos magnates casteláns e o Vaticano, reclamou o trono galego, rachou cos acordos asinados no tratado de Toro e iniciou o seu avance cara a Galiza, avalado por unha bula do papa Honorio III que o declarou herdeiro da coroa galega. Mentres galegos e casteláns se preparaban para unha nova contenda militar, as raíñas Berenguela de Castela e Tareixa de Portugal, antigas esposas de Afonso VIII e nais dos contendentes ao trono, pactaban en Valenza a renuncia á coroa galega de Sancha e Dulce, finalmente, formalizada en Bevavente en decembro de 1230.

A renuncia á coroa de Sancha e Dulce respondeu a unha combinación de factores. A falla de apoios internacionais á causa galega significados no evidente patrocinio do Vaticano e do Cister ao candidato castelán, a negativa de Portugal a apoiar as infantas conforme ao acordado no tratado de Baroncelle, a superioridade militar castelán no contexto peninsular ou a propia división interna no reino galego, con importantes apoios para Fernando III na área leonesa e zamorana, foron algúns dos elementos que estiveron presentes na decisión das raíñas galegas. Porén, o partido galego non deu por bo este acordo, abríndose un litixio militar contra Castela, organizando a contestación á política de Fernando III e buscando unha nova alternativa ao trono que garantise a existencia de Galiza como un reino independente.


 

comentarios