Un museo visitado ao ano por perto de 200 mil persoas

O panteón da Catedral de Santiago oculta o Reino da Galiza

O Museo da Catedral de Santiago de Compostela acubilla no seu interior o Panteón Real, que ofrece unha versión deturpada da historia ao negar a existencia do Reino da Galiza e ser suplantado pola denominación de León. “A ocultación do seu recoñecemento histórico foi política e contou co apoio instrumental da Igrexa”, explica o investigador Anselmo López Carreira, quen considera que agora “é unha cuestión política e social traballar para restituír a transcendencia histórica deste Panteón Real”.

AfonsoVIII.panteon.real
photo_camera Sepulcro de Afonso VIII, rei da Galiza, no Panteón Real

Este museo é un dos centros galegos máis visitados, pois os datos sinalan que 187.000 persoas tiveron acceso en 2016 (20.000 foron escolares) e recibiron información de que no Panteón Real están os sarcófagos dos monarcas de León, como os define a historiografía española, aínda que verdadeiramente se coroaron como "Reis da Gallaecia" segundo figura en documentación e mapas da época.

As portas do Panteón Real abríronse ao público en 2003, logo de sete décadas de escuridade, grazas a unha campaña social emprendida pola Agrupación Cultural “O Galo” que retomou en 2007 coa distribución de publicacións para fomentar o seu coñecemento, ademais de reclamar que se incluíse no roteiro de visitas e se velase polo seu estado de conservación. Buscábase recuperar a dignidade deste símbolo nacional, mais aínda é materia pendente. Na actualidade, a entrada ao museo custa 6 euros (4 euros reducida) e está aberto de 10:00 a 20:00 horas.

Entre 1157 e 1230 decorren os reinados de Fernando II e Afonso VIII, que ostentaban os títulos de “reis de Galiza e León”. Son dous monarcas -ademais da raíña Berenguela, o conde Raimundo de Borgoña, Pedro Froilaz e Xoana de Castro- que están enterrados no Panteón Real da Catedral de Santiago, malia que os letreiros das súas tumbas os definan como “reis de León” e a Afonso VIII o numeren como “Afonso IX” coa intención de incluílo nunha ficticia nómina conxunta de reis de Castela e León. "Os nomes deste panteón aparecen cunha perspectiva españolista ao seren asignados os monarcas galegos con numeracións e rótulos erróneos", en palabras de López Carreira.

A información que receben as miles de persoas visitantes do museu é que no Panteón están os restos dos monarcas de León cando en realidade foron corados como "Reis da Gallaecia"

 

É unha mostra máis de como o Reino da Galiza “desaparece da historiografía española por unha cuestión política, no empeño por eliminar a súa existencia da memoria, co apoio da Igrexa que desenvolve un papel ideoloxizador para utilizarse como instrumento político”, sinala López Carreira. Así, prodúcese a ocultación deliberada do Reino da Galiza na historiografía oficial española cando está documentado dende o século V até o XIX.

atlashistoricodagaliza.ano1157Estas inscricións no Panteón Real son un exemplo, xunto cos programas educativos, do afán de agochar as etapas históricas da independencia da Galiza e daquelas que diverxen da unificación e da centralización no proceso para configurar o Estado español, alén de non usar o idioma galego nos paneis informativos. Para López Carreira, isto fai parte da ocultación e da falsificación inseridas no papel desenvolvido pola Igrexa na castelanización da historia de Galiza, en contraste co significado político e de difusión outorgado ao Panteón Real de San Isidoro de León.

No Atlas Histórico da Galiza, de José Manuel Barbosa Álvares, con ilustracións de José Manuel Gonçales Ribeira, apréciase ben a extensión do territorio do reino medieval galego, que abranguía León, onde se asentou a capital durante algúns períodos en que determinados monarcas tiveron alí a súa residencia debido ao costume romano de estabelecer nesa cidade o seu asentamento na, daquela, provincia da Gallaecia.

A perda dos letreiros orixinais

Dende a consagración catedralicia en 1211 queda institucionalizada a “capella dos reis” no brazo norte do templo e, entre os séculos XII e XIII, organizouse este espazo funerario que acolleu cinco xeracións da familia real. O carácter simbólico e espiritual deste panteón dentro do reino serviu para que a Catedral fose unha das principais receptoras de bens e señoríos por parte da Coroa. Como exemplo, no cabodano de Raimundo de Borgoña, Conde da Galiza (no panteón figura como Rei de León e Castela), a súa familia fíxolle a doazón do Castelo de San Xurxo, na aba do Monte Pindo.

Este panteón foi trasladado en 1535 da Capela de Santa Caterina a un espazo que foi remodelado no século XVII cunha nova redacción dos epitafios que se conservaron pintados na parede até principios do século XX, cando foi reconvertido na actual Capela das Reliquias. Ademais de se perderen os letreiros orixinais, produciuse o troco dos persoeiros dos sarcófagos de Fernando II e Afonso IX que, probabelmente, aparecen intercambiados no XVII, segundo explica a investigadora Sonsoles García González na obra O Panteón Rexio Compostelán, a perda da memoria.

Retornar a Compostela

Segundo os dados compilados por García González, as arelas de membros da familia real de seren soterrados neste panteón foron manifestas. “Afonso VII expresou o seu desexo en dúas ocasións, en 1140 e 1143, de recibir sepultura neste Panteón e chegou mesmo a dispor como serían os funerais; porén foi enterrado en Toledo”, expón. A súa muller Dona Berenguela recibiu sepultura na Catedral de Santiago en 1149.


O Panteón acolleu as sepulturas de cinco xeracións da familia real galega

Logo da morte de Afonso VII, en 1157, o reino volveu dividirse entre os seus fillos, Sancho III recibiu Castela e Fernando II León, que retoma a vontade de enterramento no mesmo espazo que a súa nai e avó, xerando a idea de panteón de carácter dinástico e familiar na Galiza enfrontado ao panteón que ocupan o seu pai e irmán en Toledo. "Parece utilizar esta estreita relación coa catedral compostelá como unha maneira de desvincularse desta rama castelá", afirma.

Cando o rei faleceu, os seus restos foron trasladados á sede compostelá con certo conflito, xa que a súa muller Urraca López de Haro, nun intento por conseguir o reino para o seu fillo, tratou de impedir que se cumprise a vontade de Fernando II de ser sepultado en Santiago. A pesar das súas intrigas, o primoxénito do rei, Afonso IX, foi corado e trasladou o corpo do seu pai á catedral. Segundo Lucas de Tui, o rei foi disposto "in eclesia Santi Iacobi apostoli circa tumulum matris sue et avi sui comitis Raymundi sepultus est".

Un século despois Xoana de Castro, da rama galega dunha liñaxe que se uniu primeiro a López de Haro e logo casou con Pedro I de Castela e ostentou o título de Raíña de Castela, tamén escolleu ser enterrada neste lugar, o máis impoñente espazo catedralicio radicado nun lugar que tiña recoñecida a brillantez cultural, económica e social na Europa occidental. Porque Galiza tivo reis antes que Castela leis.

Comentarios