venres 03.04.2020

Fernando II, rei galego e impulsor de Pontevedra

Hai oitocentos cincuenta anos, falamos de decembro de 1169, o rei galego Fernando II outorgaba o coñecido como Foro de Pontevedra, documento que os historiadores consideran como a acta fundacional da cidade. Achegámosvos unha das iniciativas xurdidas este ano para lembrar a efeméride.

Fernando II, segundo unha miniatura recollida no Tombo A da Catedral de Compostela.
Fernando II, segundo unha miniatura recollida no Tombo A da Catedral de Compostela.

O concello de Pontevedra vén de editar, baixo a coordinación de Xosé Abilleira, Estudos sobre o foro de Pontevedra (1169), un volume onde se analiza a importancia deste documento así como o contexto político no que foi concedido. A publicación, a máis de recoller a tradución do foro e diversas contribucións sobre o mesmo, espallase por aquela Galiza de seu onde reinaba Fernando II, alcumado despectivamente ao igual que o seu fillo “o galego” por leoneses e casteláns.

O libro conta coa colaboración dunha ducia de autores. Á marxe do propio  Xosé Abilleira, que acomete a tradución do documento, achegan traballos Francisco Rodríguez Sánchez, Ricardo Pichel, Aurora Garzón, Ana Acuña, Mercedes López-Milllán, Anselmo López Carreira, Francisco Calo Lourido, Silvia Cernadas, Cilia Torna, Alberte Lago Villaverde e Miguel García Fernández.

Acta fundacional de Pontevedra

A maioría dos historiadores non dubidan en sinalar o foro de Pontevedra como a partida de nacemento da cidade do Lérez. O documento, asinado, con valor a perpetuidade en Ciudad Rodrigo por Fernando II, liberaba e absolvía "a todos os habitantes de Ponte Veteri, tanto presentes como futuros", dunha serie de obrigas, sentando as bases para a transformación futura da cidade, como importante núcleo marítimo e comercial.

A condición nacional e o seu compromiso coa Galiza de Fernando II non deixaba dúbida entre os seus contemporáneos peninsulares e europeos

Segundo sinala Anselmo López Carreira na súa colaboración “a maior transcendencia do Foro pontevedrés de 1169, dentro da súa excesiva concisión, radica no feito de asentar a base sobre a que se elabora o corpo xurídico da cidade, á que se atribúe personalidade autónoma como actor político específico e cuxos veciños “omnes habitatores” se consideran suxeito igualitario de dereito”.

Unha política ao servizo da Galiza

O Foro de Pontevedra non se explica sen o impulso de Fernando II ás cidades e a vida urbana, no marco dun proxecto político destinado a converter a Galiza nunha grande potencia comercial. O seu reinado vai posibilitar a aparición de novos núcleos de poboación pero tamén o renacemento doutros xa existentes, sendo, cando o seu fillo Afonso VIII, mal chamado o noveno pola historiografía españolista, o responsábel da concesión da maioría das cartas forais da Galiza.

O nome de Fernando II esta asociado ao nacemento ou rexurdimento de cidades e vilas como Lugo, Tui, Padrón, Noia ou Ribadavia, todas elas favorecidas polos foros outorgados polo monarca. A súa política tería continuidade co seu fillo, Afonso VIII, promotor das cartas forais de Tui, Baiona, Lobeira, Ponte Caldelas, Melide, Monforte de Lemos, Sarria, Betanzos, A Coruña,Triacastela ou Castro Caldelas, redactado en galego en 1228.

Fernando II, un rei galego

Fernando II gobernou para garantir a hexemonía galega no espazo cristián peninsular, nunhas circunstancias máis complicadas das vividas polo seu pai Afonso VII, diante do evidente empuxe e fortaleza de Castela. Segundo destaca Francisco Rodríguez, na súa contribución ao volume, “Fernando II era galego de nación, educado na casa do devandito conde Fernán Pérez de Trava, coa lingua galega como a inicial e usual, moi afeccionado ás artes trobadorescas, combativo…”.

A súa condición nacional e o seu compromiso coa Galiza non deixaba dúbida entre os seus contemporáneos peninsulares e europeos. Sen ir máis lonxe, o recoñecido trobador provenzal Arnaut Daniel en Doutz brais e Crirz, obra escrita entre 1180 e 1196, refírese a ele como “o rei dos galegos”, na liña do exposto polos cronistas británicos Roger de Howden ou Radulfo de Diceto.

Fernando II atopase enterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela. A este respecto, Francisco Rodríguez escribe que “esta acompañado de antecesores seus (a súa nai, a catalá Berenguela, tan identificado con Santiago; o protector do seu pai Afonso VII, nado en Caldas de Rei, canda neno, Pedro Froilaz). Tamén os seus sucesores inmediatos: o seu fillo Afonso VIII, na súa mesma liña estratéxica e aínda con máis esplendor, o seu neto, nado do matrimonio deste coa infanta Tereixa de Portugal, Fernando Afonso, que había herdalo, morto por desgraza para Galiza antes de chegar a ser rei…”

comentarios