mércores 20/10/21

Reclaman que se retire o nome de Rosón dunha sala do Parlamento

A Iniciativa Galega pola Memoria demanda que a Mesa do Parlamento anule o nomeamento dunha das salas do Parlamento co nome de Antonio Rosón. Asemade, solicita unha homenaxe ás vítimas e outra ás loitadoras antifranquistas.
Sala dedicada a Antonio Rosón. (Foto: Parlamento da Galiza)
Sala dedicada a Antonio Rosón. (Foto: Parlamento da Galiza)

Tras tombar a terza feira o Partido Popular (PP) unha iniciativa do Bloque Nacionalista Galego para retirar o nome de Antonio Rosón Pérez dunha das salas do Parlamento, a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) transmitiu á Mesa do Parlamento que “foi un militar golpista e integrante da Falanxe desde a primavera de 1936”.

Amais, subliñan que Rosón “dirixiu unha represión extremadamente violenta na comarca de Becerreá e os Ancares, como máxima autoridade militar, entre xullo e setembro de 1936”, acabando coa vida de máis de 30 persoas e aplicando “múltiples formas de violencia física e psicolóxica, detencións, humillacións, extorsións e castigos”.

Perante a defensa que fai o PP de Rosón, nomeado presidente da Galiza antes da aprobación do Estatuto de Autonomía, é cualificada pola IGM como un “relato parcial e intencionalmente incompleto da biografía do personaxe”, que agocha a “súa executoria falaxista, golpista e represora, ben acreditada pola hemeroteca, pola memoria oral e pola documentación oficial”.

Pacto de silencio

O Parlamento non pode honrar a unha persoa como Antonio Rosón”, sentencia a entidade, que apunta que o nomeamento responde ao “pacto de silencio, de amnesia e impunidade da transición española”, combinado coa “actitude de opcións políticas que en pleno século XXI non renegan do pasado franquista e fan bandeira do incumprimento da Lei de memoria histórica e da legalidade internacional”, explica a plataforma.

Retirada do nomeamento

Por todo isto, a IGM cuestiona o acordo da mesa do lexislativo do pasado 27 de xullo que aprobou a denominación da sala de voceiros -co apoio do PP, o voto en contra do BNG e a abstención do PSdeG-, reclamando que sexa retirado o nome de Rosón e substituído polo “dunha persoa que teña unha traxectoria íntegra de defensa dos valores democráticos e dos dereitos de Galiza”.

Ademais, solicitan a organización dunha homenaxe “ás vítimas da represión franquista da Galiza”, en colaboración coas asociacións da memoria e con representación das vítimas.

Asemade, a agrupación de entidades tamén propón unha segunda homenaxe do Parlamento dedicada á resistencia antifranquista galega, “homes e mulleres que deben ser honradas como combatentes contra a ditadura e loitadoras polas liberdades”, salientan.

comentarios