O Pazo de Meirás reabre as súas portas hoxe coa visita de vítimas do franquismo e colectivos memorialísticos

O Concello de Sada recibe 300 solicitudes en catro días para visitar o Pazo.

Vista do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Vista do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Pazo de Meirás reabre hoxe, 1 de xullo, as súas portas coa visita de vítimas do franquismo e representantes de colectivos de memoria histórica, para os que o Goberno de Sada reservou as primeiras xornadas da apertura de portas dos xardíns do complexo recentemente recuperado de mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco.

No últimos catro días, o Concello de Sada recibiu unhas 300 solicitudes para visitar o Pazo de Meirás. Todas elas producíronse após o anuncio de que o 1 de xullo o pazo abriría as súas portas para facer unha visita de hora e media polos seus xardíns.

O tres primeiros días, as visitas están reservadas para sadenses vítimas do franquismo, familiares de asasinados, asociacións memorialistas galegas, familiares de Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda, persoas destacadas e historiadoras e historiadores.

Represaliados sadenses da ditadura como Amable Carballeira, presos galegos do franquismo como Xan Castro, Xesús Diaz ou Manuel Villares e familiares e familiares de asasinados e represaliados polo franquismo como Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, Camilo Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo ou María Flor Baena, irmá de Humberto Baena Alonso, serán as primeiras persoas que visiten o Pazo de Meirás.

Xunto a eles estarán presentes representantes de asociacións memorialistas como a Asociación para a dignificación das vítimas do fascismo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, a ARMH de Marín, a Fundación Alexandre Bóveda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asemblea Republicana de Vigo Amigo da República, a CRMHB (Barbanza), o Instituto de Estudos Miñoranos, a Fundación Luís Tilve e a sadense Asociación Irmáns Suárez Picallo.

O día 3 de xullo haberá unha visita institucional á que se convidará tamén a todas as persoas que formaron parte das corporacións sadenses desde o ano 2007 até o momento, tendo en conta que a declaración BIC do 2008 tivo como antecedente, entre outros, un acordo do Pleno da Corporación de agosto do 2007 no que se instaba da Xunta á declaración BIC, que así foi declarado o ano seguinte, no 2008.

Público xeral

A partir do 4 de xullo será a quenda do público xeral que poderán realizar a visita guiada previa reserva, de terzas feiras a domingos.

As visitas realizaranse en grupos de 20 persoas como máximo e deberán reservarse no correo electrónico [email protected] ou a través de dous teléfonos habilitados. A través deste sistema confirmaranse data e hora da visita. Os grupos completos deberán facer a reserva por correo electrónico.

Na visita ofrecerase unha explicación xeral achega da orixe e evolución da leira, cos dous momentos importantes, época de Pardo Bazán coa construción das torres e a partir de 1938 como uso de residencia de verán de Franco.

Comentarios