Iniciativa Galega pola Memoria exixe unha homenaxe as vítimas do franquismo en Meirás

As organizacións en defensa da memoria democrática trasladaron ao responsábel da área no Goberno español, Fernando Martínez, o “malestar pola decisión gobernamental de impedir a celebración da manifestación do 19 de xuño no interior de Meirás”. Aliás, protestaron pola falta de compromiso das Administracións para evitar o "espolio" de bens por parte dos Franco.

Protesta e homenaxe a algunhas das vítimas. (Foto: Defende Meirás) #defendemeirás #memoriahistórica #franquismo #meirás #represión #vítimas
photo_camera Protesta e homenaxe a algunhas das vítimas na contorna de Meirás. (Foto: Defende Meirás)

As entidades galegas en defensa da memoria histórica, agrupadas baixo a coordinadora Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), demandan que o complexo do pazo de Meirás poida ser empregado para realizar un acto en recordo das vítimas do franquismo.

O colectivo, que tivo a oportunidade de trasladar ao secretario de estado de Memoria Democrática do Goberno estatal, Fernando Martínez, o seu enfado pola prohibición de entrar no pazo -en mans do pobo de maneira provisional após unha sentenza en contra da familia do ditador- para protestar polo “espolio” que pretenden facer os Franco cos bens que garda o inmoble, sostén que esa homenaxe é unha das chaves para que Meirás comece o seu camiño para converterse “nun lugar de memoria”.

O Executivo español negouse a permitir que a manifestación do pasado día 19, promovida entre outros pola Iniciativa Defende Meirás, pasara polos xardíns e o malestar segue vixente. En consecuencia reclamaron a Martínez que permita impulsar unha homenaxe ás vítimas da represión franquista na propiedade.

A coordinadora reprochou tamén, quer á Xunta quer á equipa de Pedro Sánchez, que non actúen para estabelecer “a urxente protección dos bens do pazo”.

Manter as protestas

Non hai que esquecer que o avogado da familia xa anunciou a intención dos Franco de levar do edificio elementos de gran valor como as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e os libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, entre outras cousas.

Dada a parálise no proceso de ampliación do Ben de Interese Cultural (BIC), polo menos de cara á cidadanía, Defende Meirás solicita a todas as entidades “que manteñan a mobilización diante do intento de diferentes actores de dividir e fragmentar a forza da protesta cidadá contra os Franco, a impunidade e as dúbidas das institucións do Estado para responder estas ameazas”.

Proxecto de lei

Pola súa parte, a A.C. Memoria Histórica Democrática, que tamén estivo con Martínez, agradeceu as “extensas explicacións do proxecto de Lei da Memoria Democrática”.

Comentarios