“O que matou ao meu marido foi o máis rico do pobo”

O día de Noiteboa de 1936 era asasinado o dirixente nacionalista de Bueu, Ricardo Gómez Buceta (Pontevedra 1898, Bueu 1936). O seu cadáver segue perdido e a memoria é o único cemiterio onde pode descansar.

Xosé María Massó
photo_camera José María Massó, empresario conserveiro, alcalde de Bueu e peza chave na represión nesta localidade do Morrazo. (Foto: Nós Diario)

O final de Ricardo Gómez Buceta ficou recollido nunhas notas que a súa viúva, Josefa Lobeira Villar, legou aos seus tras a súa morte. O testemuño facíase eco das confidencias que o militante nacionalista lle achegou a súa compañeira cando sabía que a súa vida corría perigo e o seu final estaba próximo.

Josefa Lobeira escribiu que a súa parella lle comentou antes do asasinato que “se lle sucedía algo o único responsábel era José María Massó e ademais ameazoume a min que se non me calaba íame matar”

"O único responsábel era José María Massó"

“A min  deixoume con sete fillos e un en camiño. A falsa débeda foi paga coas dúas leiras que vendín para pagala”, narrou Josefa Lobeira, quen explicou que “deixáronnos na miseria. O que matou ao meu marido foi o máis rico do pobo que o matou por vinganza, por ser honrado e ser bo”.

O papel do empresario conserveiro, José María Massó, na represión en Bueu foi chave. A este respecto, o investigador e restaurador da memoria de Gómez Buceta, o antigo alcalde nacionalista da localidade, Xosé Novas, escribiu en Nós Diario que “nada se fixo en Bueu sen a orde de José María Massó no seu plan implacábel de represión”.

“A diferenza doutros concellos do Morrazo como Marín e Moaña, onde interviña o nazi alemán Bruno Schweiger, en Bueu José María Massó era o xefe único da represión golpista”, apunta Novas, quen sitúa canda este “no  grupo dirixente da represión ao xefe de Falanxe, Antonio Cerviño Martínez, ao sarxento da Garda Civil, José Sanz de Lama e ao executor, José Collazo Iglesias”.

"Cada vez que o meu home mata un ‘rojo’, cómome un polo"

Collazo Iglesias foi, sempre, sinalado pola veciñanza de Bueu como un dos autores materiais do asasinato de Gómez Buceta. Tanto é así, que a súa muller presumía dos crimes do marido afirmando que “cada vez que o meu home mata un ‘rojo’, cómome un polo”.

O probábel executor de Gómez Buceta acabará por relevalo no seu posto de funcionario municipal após o seu asasinato. Precisamente, Collazo, que nos primeiros anos republicanos militou nas filas do Partido Galeguista, rematou axustizado no seu Rianxo natal anos máis tarde.

A represión non para

A represión continuou para a familia de Gómez Buceta tras a súa morte. Así, o seu fillo maior foi encarcerado, a súa parella e crianzas acabaron exiliándose en Uruguai e Arxentina e a súa irmá detida e humillada, rematou por tolear como consecuencia das torturas e das persecucións.

Gómez Buceta foi un máis no martirioloxico nacionalista de Bueu. Aquel Bueu dos anos republicanos que soñou e construíu a poderosa agrupación local do Partido Galeguista, onde ocupou cargos de responsabilidade Buceta xunto aos, tamén, asasinados Franscisco Escáneo e Xoán Carballeira, xornalista, poeta, alcalde e, sempre, mártir.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios