José María Massó, o verdugo de Bueu

Exemplifica a participación conserveira no operativo represivo na Galiza. Xosé María Massó, foi un dos grandes empresarios da Galiza que se enfrascou naquela loita de clases por outros medios que foi o golpe de estado fascista de 1936. O seu nome ficará ligado para sempre á represión en Bueu.

Xosé María Massó
photo_camera José María Massó

Fai parte daquelas sagas de armadores, conserveiros ou navieiros asociados ao terror dos que tanto nos ten falado Dionisio Pereira. A súa xinea é da mesma madeira que os Leiros, os Montenegro ou os Álvarez Bastos en Bouzas, que os Cerqueira ou Vieira en Vigo, que os Moldes en Cangas, que os Ventura en Moaña ou que os Fanego en Cariño. Os días que seguiron ao 18 de xullo de 1936 continuaron a súa loita sen tregua contra os máis, saíron á caza daqueles que organizaron sindicatos, fixeron folgas e pelexaron por todos.

A loita de clases por outros medios

Era a loita de clases por outros medios, así o escribiron no seu voceiro, Industrias pesqueras e sabían que era o momento, e non o dubidaron e chamaron “a depuración das filas da clase traballadora, procurando a eliminación de todo xerme disolvente que altere a fecunda harmonía entre capital e traballo. E se hai algún sector desa obra depuradora, ningún en forma máis urxente que o sector pesqueiro”.

Fai parte daquelas sagas de armadores , conserveiros ou navieiros asociados ao terror, que martirizaron a Galiza costeira.

Chamábase Xosé María Massó García é non debeu ter nacido. Fillo, neto e irmán de conserveiros, descendía dunha familia de fomentadores cataláns instalados en Bueu a comezos do século XIX, facendo parte dunha xinea de fonda tradición na produción de salga, fabricación de conserva e comercialización de diferentes artefactos de pesca.

Un duro entre os duros

A diferenza do seu irmán Gaspar, xerente da factoría de Bueu durante o período republicano e de orientación demócrata e galeguista, até o punto de rotular as súas conservas e facer a publicidade en galego, Xosé María Massó sinalouse desde o primeiro momento polas súas posicións reaccionarias, facendo parte dos duros entre os duros naquela patronal conserveira da Galiza. Porén, as súas aspiracións políticas non se verían cubertas até 1939, momento no que chegou á alcaldía de Bueu após unha dura campaña contra as primeiras corporacións franquistas pola súa suposta falta de firmeza nos momentos máis duros da represión.

O seu nome ficará para sempre ligado á represión en Bueu e n´O Morrazo. Segundo os testemuños de varios veciños de Bueu, procedentes dos fondos do proxecto Nomes e Voces e recuperados nun traballo por Judit Carbajo, “Na fabrica dos Massó, nos servizos mataban a xente que logo no barco C, ían fondear traíanos tamén de fora de Bueu en camións, matábanos na fábrica e levábanos a fondear no barco”. Outra veciña sinalaba que os irmáns Massó eran os que mandaban na vila, destacando que de Xosé María falábase moi mal pois “daba as ordes”, indicando unha persoa diferente que “Xosé María era o que andaba con pistola, logo fora alcalde”.

"Quen matou o meu marido foi o máis rico do pobo"

A compañeira do militante nacionalista Ricardo Gómez Buceta deixaría testemuño escrito das confidencias que este lle fixo antes de ser asasinado, xa coñecedor de que a súa vida corría perigo, onde afirma que “se lle sucedía algo o único responsábel era Xosé María Massó e ademais ameazoume a min que se non calaba ía matarme, (…) o que matou ao meu marido foi o máis rico do pobo, matouno por vinganza, por ser honrado e ser bo”.

As novas circunstancias xurdidas do réxime do 18 de xullo e o compromiso de Massó coa causa fascista favorecería e melloraría a súa situación económica e persoal. Aproveitándose das dúbidas que ofrecía o seu irmán Gaspar entre as autoridades franquistas remataría por apartalo da máxima responsabilidade da empresa e mesmo da súa xestión, empoleirándose á xerencia da mesma.

Alcalde do Concello de Bueu entre 1939 e 1971, deputado provincial en Pontevedra e persoa de peso na estrutura vertical do mar, empregaría os seus contactos co poder político para ampliar o seu imperio empresarial, beneficiándoo o franquismo coa concesión para a posta en marcha das factorías baleeiras de Caneliñas e Moras e favorecendo a súa expansión a outras áreas do Estado, concretado nas fábricas de conservas de Barbate e Avilés.

A súa factoría en Bueu, hoxe convertida no Museo Massó, aínda agarda por unha placa que lembre a todas e todos os bos alí asasinados e torturados.

Comentarios