Análise

Os anos do terror

A doutora en Medicina e feminista Lola Ferreiro Díaz analiza para 'Nós Diario' os primeiros anos da ditudura franquista, coñecidos como os anos do terror.
As irmás Fina e Tucha Dios Vázquez (Salcedo, Pontevedra) foron presas, rapadas e represaliadas polo franquismo (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera As irmás Fina e Tucha Dios Vázquez (Salcedo, Pontevedra) foron presas, rapadas e represaliadas polo franquismo. (Foto: Concello de Pontevedra)

Coñécense como os anos do terror os primeiros da ditadura franquista (ata 1945) caracterizados por unha represión tan intensa como indiscriminada, exercida polos corpos represivos do Estado e por fascistas que actuaban con eles ou pola súa conta, nomeadamente a Falanxe, algúns matóns locais, e curas católicos e monxas (estas nos cárceres de mulleres). Comezou nos anos da guerra, naqueles territorios que ían caendo nas mans dos golpistas, pero desde o 1 de abril de 1939 foi xeneralizada e brutal, incluíndo unha nova vaga nas zonas que levaban tempo nas súas garras. O obxectivo era instaurar o terror no conxunto da cidadanía.

Falamos de terror referíndonos ao medo extremo. Se o medo común nos permite sobrevivir, porque nos induce a protexernos daquilo que supón unha ameaza; podémonos parapetar, pór distancia, fuxir, ou mesmo atacar para defendernos. En calquera caso, o medo ante un perigo real é adaptado. Pero o terror é paralizante e impide (ou dificulta moito) unha resposta tendente a protexernos e moito menos un ataque defensivo, e isto foi o que o franquismo pretendeu naqueles anos. Paralizar a poboación para evitar a resposta ás súas agresións e nomeadamente poder instaurar (de novo) un réxime de explotación e de corrupción, porque este era o fin último. A represión e o terror que provoca, malia seren a cara máis visíbel (e cruel) das ditaduras, son en realidade un medio.

Co asesoramento de xerarcas nazis (Himmler e Goebbels) idearon campañas tendentes a alimentar o odio da poboación cara á República e a xente que a defendeu, e animaron a seguir combatendo o comunismo e o arredismo; co de membros da Gestapo (Paul Winzer) que instruíron na tortura á Brigada Político Social, e co do sector máis reaccionario (e maioritario) da Igrexa, ameazando desde os púlpitos coa condenación eterna a quen ousase non amosar fidelidade absoluta ao "caudillo", moito máis ser leal coa democracia. Cando o globo estivo inchado fixérono estourar e a sede de vinganza desde o odio multiplicou os delatores, torturadores e paseadores.

As delacións levaban a xente á comisaría, ao cuartel da garda civil ou da Falanxe, á tapia do cemiterio ou a calquera foxo do camiño

Os asasinatos, torturas e espolios de todo tipo eran practicados con impunidade total. Os consellos de guerra permanentes condenaban á morte a milleiros de persoas cada día, sen as menores garantías procesuais. As delacións (nunca comprobadas) levaban a xente á comisaría, ao cuartel da garda civil ou da Falanxe, á tapia do cemiterio ou a calquera foxo do camiño, coa orde de que ninguén retirase o corpo de alí, para que a xente os vira e soubera o que lle podía pasar. Flotaba no imaxinario social a idea de que calquera (calquera!) podía ser detida e, tras isto, morrer non era o peor que podía pasar; morrer pasaba a ser asumíbel e mesmo en ocasións desexable, durante meses de torturas de todo tipo, no propio corpo ou, principalmente, no dos seres queridos... total para rematar levando un tiro. 

Tamén lles podía pasar calquera cousa por ser familiar ou amiga de persoas desafectas, moito máis se os fascistas sospeitaban que lles proporcionaban algún tipo de axuda. Ou simplemente podía pasar tamén que a delación se producise por vellas liortas de carácter persoal, que inducían os delatores a atribuírlle ideoloxías ou militancias inventadas. En suma, calquera podía ser detida (e o que viñese despois) en calquera momento... Agás as afectas ao réxime: falanxistas, membros do requeté, militares, curas (agás excepcións, que tamén remataron no cárcere) e monxas.

Todo isto era peor para as mulleres, porque ao terror que causaba a idea das violacións, da tortura vicaria (maltratando as súas crianzas) ou da, morte xuntábaselle o escarnio (peladas e paseadas polas rúas) e a vergoña pola etiqueta social e a marxinación que esta traía. Tamén a culpa que sentían despois de que os curas as manipulasen en confesión para que lles dixesen onde estaban os fillos ou o home (seica para axudalos) para logo violentaren o segredo de confesión e delatalos, o que remataba as máis das veces co seu asasinato. Por certo, a Igrexa, tan dada ultimamente a pedir perdón por unha chea de falcatruadas, que eu saiba nunca o pediu polo comportamento desta xentalla durante os anos do terror e a ditadura.

Pero a lousa que pesaba sobre as mulleres non as achicou. As militantes seguiron a militar, mesmo dentro dos cárceres. Milleiros de mulleres sen militancia coñecida resistiron, protexeron fuxidas, agocharon nas súas casas, alimentaron e coidaron e trasladaron información. Nas peores circunstancias posíbeis. E temos a obriga de visibilizalas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios