Nuria Díaz: "Quixen que as ilustracións semellasen composicións de miniaturas medievais"

Nuria Díaz comezou a súa traxectoria profesional como deseñadora gráfica mais desde 2012 dedícase á ilustración a tempo completo. Co seu estilo minimalista, toques de cor e certo ar naif, vén de ilustrar dúas láminas para o Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza de MAOS Innovación Social. Nós Diario incluirá o sábado 17 de setembro unha cartilla para conseguir este cartafol de ilustracións. As lectoras e lectores poderán cubrila cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre o 20 e o 24 de setembro e entregala no quiosco.
A ilustradora Nuria Díaz mestura técnicas tradicionais e dixitais nas súas obras. (Foto: Nuria Díaz)
photo_camera A ilustradora Nuria Díaz mestura técnicas tradicionais e dixitais nas súas obras. (Foto: Nuria Díaz)

Como foron os seus primeiros proxectos profesionais? 

Comecei como a maioría da xente que se acaba dedicando a isto, na facultade empecei a facer algúns cómics, a presentarme a concursos a facer pequenas publicacións en revistas, etc. Logo, ao rematar a facultade si que me enfoquei mais cara ao ámbito do deseño gráfico (a ilustración estaba aí pero nunca foi a miña prioridade como saída profesional). Estiven traballando en algunhas axencias de deseño e logo, en 2010 quedei no desemprego, e foi cando me presentei ao concurso de ilustración Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense no que resultei gañadora. 

Foi nese punto cando comecei a valorar como saída profesional o mundo da ilustración freelance e a comezar a preparar un portfolio e envialo a editoriais. Pero dedicarme de cheo á ilustración nunca foi algo que estivese enriba da mesa.

Que é o máis lle gusta do seu traballo?

A posibilidade de traballar en tantos ámbitos e formatos distintos. E conseguir darlle forma a un texto ou idea. Logo, sempre estás en continuo aprendizaxe, que iso valóroo moito. Ser autónoma no sector creativo é una profesión bastante arriscada, en canto á incerteza económica e a ter que soportar moitas cargas a nivel mental, pero tamén valoro moito poder dispor do meu tempo e poder organizarme como quero.

Cando lle propuxeron participar no proxecto  do Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza cal foi a súa reacción?

Pois unha honra, encántame coñecer a historia e desfruto moito. Tamén me gusta moito ver as diferentes propostas das demais compañeiras. Como cada unha achegamos unha visión diferente a un tema semellante.

É máis complexo traballar ao redor de personaxes imaxinarios que pode deseñar sen condicionantes ou sobre figuras reais nas que hai que basearse na súa historia?

Todo ten a súa miga, con personaxes baseados en figuras reais tes que ter en conta certas cousas en canto a vestimentas, obxectos, etc. Sobre todo para que a súa representación non sexa moi anacrónica con respecto á época en que viviu ese personaxe. Por exemplo, non vas pór un reloxo a un personaxe do século XIII. Cousas de sentido común. Pero tampouco me agobio moito con que sexa todo exactamente como era na época. Á fin, non estou a facer un retrato realista, senón que é unha interpretación.

Foi un reto ilustrar dúas figuras históricas como Tareixa de León 
e María, 'a Balteira'?

Quixen que as ilustracións semellasen composicións de miniaturas medievais e as cores tamén están moi inspiradas nas propias cores que se utilizaban neses manuscritos ilustrados.

Quixen tamén mostrar emocións na representación de cada unha delas. A Tareixa de León imaxineina cunha sensación de soidade encerrada no castelo de Lanhoso e a María, 'a Balteira', representeina contenta, facendo o que máis lle gustaba, que era bailar, sen importar comentarios ou críticas da demais xente.

Actualmente, está a traballar nalgún proxecto novo? 

Sempre estou con varios proxectos enriba da mesa. Agora estou rematando dous álbums que sairán en outono, e tamén cun libro ilustrado con texto e ilustracións miñas que, se todo vai ben, verá a luz durante o 2023 pero do que non podo adiantar nada aínda porque está nun estado moi inicial.

Comentarios