O libro xa vai pola segunda edición

'Os nomes do terror' apreséntanse en Ourense

As 13 investigacións que, por primeira vez, se achegan de xeito sistemático ao nome e o enderezo dos verdugos do 36 vanse apresentar esta cuarta feira en Ourense. O café Auriense, ás oito e cuarto do serán, acollerá unha mesa de debate arredor de Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron (Sermos), o libro colectivo que xunta os estudos.

os nomes do terror presentacion
photo_camera Presentación de 'Os nomes do terror'

O profesor Xosé Manuel Cid, o membro do consello de administración de Sermos Galiza Nemesio Barxa, o coordinador de Os nomes do terror Xoán Carlos Garrido e máis dúas das autoras participantes, Ana Cebreiros e Julio Prada, tomarán a palabra para explicar a achega fundamental do volume. Logo de que o movemento social pola recuperación da memoria histórica se centrase inicialmente en reparar as vítimas, chegou o intre de pescudar en quen reprimiu, en quen matou.

Varios dos estudos incluídos en Os nomes do terror -que en apenas dos dous meses esgotou a súa primeira edición e encheu actos de presentación por toda Galiza- atinxen o terror desatado polo autodenominado bando nacional en Ourense e nas bisbarras da contorna. “Pero seguían os paseos, e seguían...Eu estou falando do 15 de xaneiro de 1937, e aínda había paseos, e seguiunos habendo durante a guerra. Aquí pasáronse, aquí pasáronse, pasáronse de forma horrorosa", expón un antigo militante da Falanxe ourensá que pediu marchar á fronte para non participar nos asasinatos.

A investigación da profesora Ana Cebreiros, incluída no libro, estuda a "sección feminina" desa mesma Falanxe. "Falanxe potenciou o papel das mulleres como vixiantes e delatoras dos seus veciños", escribe, “as mulleres dos falanxistas atemorizaban aos familiares dos fuxidos, unha veciña da miña nai enchíana de ameazas de que ían matar a outros membros non fuxidos da vila”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios