O Museo Provincial de Lugo recupera a memoria das mulleres rapadas durante a ditadura franquista

A exposición compleméntase coa proxección dunha obra documental

Inauguración da exposición, esta quinta feira, no Museo Provincial de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inauguración da exposición, esta quinta feira, no Museo Provincial de Lugo. (Foto: Nós Diario)

Esta quinta feira inauguráronse no Museo Provincial de Lugo a exposición temporal EU SON. Memoria das rapadas, obra das artistas de Art al Quadrat (Mónica e Gema Del Rey Jordà), e a instalación audiovisual Notas no latido do unánime e cego de Carla Andrade; dous proxectos que naceron da investigación arredor da recuperación da memoria das mulleres e que comparten o propósito de visibilizar as súas achegas á historia cultural, social e política.

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a xestora cultural Anxela Caramés encargáronse da coordinación desta proposta que conecta artistas e linguaxes diferentes e que poderá verse no Museo Provincial de Lugo até o 8 de abril.

A inauguración complementarase na tarde da quinta feira cunha sesión de cinema debate no que se proxectará a película documental Sacar á luz. A memoria das Rapadas, que contará coa presenza das autoras Gema e Mónica del Rey Jordá.

EU SON. Memoria das rapadas é un proxecto artístico expositivo, que ten o propósito de recuperar a memoria das mulleres rapadas durante a ditadura franquista. Na II República moitas mulleres que, segundo o novo Estado, transgrediran o papel da feminidade tradicional ou eran familiares de persoas significadas politicamente, durante a Guerra Civil Española e a Postguerra foron vítimas de violentos escarnios públicos, que as degradaban e humillaban fronte a toda a poboación. Entre os castigos rapábaselles o pelo, dábaselles de beber aceite de ricino e eran “paseadas” polas rúas céntricas da vila ou da cidade, ademais das represións ocultas como as violacións ou a morte.

O proxecto expositivo recolle parte dese traballo de investigación, que se plasmou tamén no documental e en imaxes da performances de reparación colectiva e dignificación da memoria que as artistas veñen desenvolvendo desde 2018.

Pola súa parte, a instalación de Carla Andrade é resultado das investigacións levadas a cabo durante as residencias artísticas [Dá] Terra Semente, [Dá] Semente Terra no Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos), durante o mes de agosto de 2022. Presentado en forma de apuntamentos fílmicos, este proxecto proponse revisitar o pasado a través da biografía dos espazos do Pazo de Tor, cuestionando a maneira en que lembramos, co fin de evitar caer nun actitude nostálxica ou escapista, senón máis ben liberando un pasado enterrado e oculto baixo o veo da rutina.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios