Contracultura

Matías Losada, editor: "Vilas como Betanzos ou Mondoñedo teñen unha historia fascinante por sacar á luz"

Matías Losada é, xunto con Marina Pérez, un dos fundadores da cooperativa Marma. Esta foi galardoada no II Certame de Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña, polo seu proxecto 'Betanzos Capital: os segredos do Betanzos medieval'. Este explica, en formato vídeo, oito segredos ou anécdotas relevantes para a historia da cidade.
Matías Losada desenvolve o seu traballo como realizador e editor na cooperativa Marma (Foto: Nós Diario).
photo_camera Matías Losada desenvolve o seu traballo como realizador e editor na cooperativa Marma. (Foto: Nós Diario).

—Cal era o obxectivo de facer estes vídeos arredor da historia de Betanzos?
Coñecemos bastante ben a zona. Sempre pensamos que Betanzos ten un potencial tremendo a nivel histórico e medieval. O Museo das Mariñas é un lugar que está moi pouco valorado para o que significa e para as cousas que podes atopar nel. Pensamos que podía ser unha boa idea e cando a Deputación veu os proxectos que se presentaran, valorou especialmente o noso porque sae de Santiago e da figura de Dona Urraca. Queriamos facer unhas pequenas pílulas informativas para que despois a xente descubra lugares como o Museo das Mariñas ou a igrexa de San Francisco e as distintas temáticas das que falamos. Para nós foi un proxecto moi bonito e penso que as vilas como Betanzos ou Mondoñedo teñen unha historia fascinante que é moi importante sacar á luz e poñela en valor. Cremos que é un proxecto que ten continuidade, independentemente de se nós facemos máis vídeos, porque os materiais xa se están utilizando en centros educativos.

—Cales foron as dificultades á hora de levalo a cabo?
Unha das cousas máis bonitas do proxecto, para min, é a colaboración con historiadoras e historiadores. Nun principio nós tiñamos a idea de que Ángel Arcay, director do Arquivo de Betanzos e Museo das Mariñas, fixera todos os vídeos. Mais el propúxonos contar tamén con outras persoas de Betanzos, xente nova que tamén é historiadora: Andrea Rivera, José Ángel Paz, Sara Fraga, Antonio González, Elena Carro e América Díaz. A forma na que contan esa historia, que levan tan dentro, foi un punto moi importante á hora de levar a cabo o proxecto. 

Nós tiñamos claro que queríamos meter moita posprodución e explicarlles o que queriamos quizais foi o máis complexo. Traballamos moito os guións audiovisuais e moitas veces as persoas que teñen un coñecemento bastante amplo das súas temáticas dinnos de facer elas os guións. Claro, estamos falando de cousas distintas e resulta bastante complexo explicarlles o que significa un guión. 

Neste caso si que nos axudou bastante o coñecemento que nós xa tiñamos da historia de Betanzos e a boa disposición que mostraron, porque o que queriamos era facer vídeos accesíbeis para a rapazada. E neste sentido temos que agradecer moito o traballo de Antía Goyene, que foi quen traballou o estilo de motion graphics, e da cooperativa Coma Comunicación, polo seu traballo de deseño. 

Aínda así houbo dificultades porque tampouco tiñamos exemplos moi claros cos que ilustrar a nosa idea. Agora, se facemos unha segunda tempada, van saber exactamente o que queremos deles.  

—Alén dos oito vídeos, tamén hai unha ruta histórica que percorre a cidade.
Á parte de presentar o proxecto na Deputación, falamos co Concello, onde tamén tiveron bastante éxito os vídeos, para poder distribuílos a través de códigos QR. Aínda estamos en conversas e estamos pendentes de facer unha presentación no Teatro Alfonsetti. Dentro do deseño que fixemos con Ángel, el ve moi claro facer esta ruta e situar esas zonas públicas onde se poden atopar os túneles, o hórreo do que fala el nun dos vídeos, arquitectura concreta... Temos todo ben argallado para poder poñela en marcha.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios