Máis unha vez, o 'cacique' contra Castelao

Polémica en Malpica pola retirada do rostro de Castelao dun mural pintado polo artista Yoseba MP, quen explica a 'Nós Diario' como se viu "presionado" por un veciño filántropo que se comprometera a doar ao Concello dúas esculturas.
O artista Yoseba MP tivo que borrar Castelao do seu mural en homenaxe ao exilio polas presións dun filántropo local (Foto: Nós Diario).
photo_camera O artista Yoseba MP tivo que borrar Castelao do seu mural en homenaxe ao exilio polas presións dun filántropo local (Foto: Yoseba MP).

O artista Joseba Muruzábal, coñecido como Yoseba MP, foi contratado polo Concello de Malpica de Bergantiños para crear un mural na medianeira dun edificio situado na praza que o consistorio quere converter nunha homenaxe ás xentes do mar e as persoas exiliadas por mor do golpe de Estado fascista de 1936.

O autor, ideólogo das "súper avoas" que locen por todo o país, inspirouse para a súa obra no barco dun veciño dese mesmo edificio, o Novo Castelao. "Levoume a velo e pareceume precioso, cunha grande identidade. O home admira Castelao desde que leu Sempre en Galiza", explica Yoseba MP, en conversa con Nós Diario.

Mais, unha vez rematado o mural e retirado o guindastre que el empregara para pintalo, atopouse cun problema inesperado. O alcalde, Walter Pardo (PSOE), atopábase na praza falando con outro veciño, que se comprometera a doar unha grande hélice de bronce para presidir o lugar e unha segunda escultura dunha muller ribeirá. O rostro do ilustre galeguista non era do seu agrado, e argumentou que "restaría protagonismo á hélice en homenaxe ás persoas exiliadas".

Ante as reticencias do artista a modificar o mural, este filántropo desafiou o Concello: ou se borraba a referencia a Castelao, ou non doaría as esculturas. "Non volverei pisar esa rúa", dixo, malia residir nela.

Esa mesma tarde mantiveron unha reunión de urxencia o rexedor, o autor da obra, o doador, o propietario do barco retratado, un historiador local e un técnico do concello. "Actuou coma un cacique, pensou que coa súa doazón tiña dereito a dicirme que debo pintar. Mais, finalmente, e en estado febril [recibira a vacina contra a Covid-19 esa mesma mañá], tiven que repintar o mural. Sentinme presionado ao ver que podería depender de min a colocación desa escultura na praza, xa que a ameaza estaba aí. Foi unha decisión imposta", lamenta.

O 'Novo Malpica', unha solución sen consenso

O alcalde, que rexeitou facer declaracións a este xornal "até que estea rematado o proxecto da praza", avogou por renomear o barco retratado como Novo Malpica, a fin de "integrar a toda a veciñanza". Mais a decisión non sentou ben a boa parte das e dos residentes.

"Todos quedamos cun baleiro tremendo. Máis aló da violación dos meus dereitos de autor, estabamos borrando unha icona do país, e iso ten unhas connotacións moi claras. O dono do barco non o podía crer, dicía que era un sacrilexio eliminar o rostro dun home ao que tanto lle debemos as e os galegos, e lembrou que até o PP concede hoxe medallas no seu nome", salienta Yoseba MP.

Desde o consistorio propuxeron substituír a figura de Castelao polo logo do Concello. "Escollín o lobo que aparece no escudo, que curiosamente é o dos Andrade, familia de caciques por excelencia na Galiza. Acabei facéndolle un retrato a el mesmo", ironiza.

Xa o advertira o prolífico autor nun dos seus debuxos: "Non te poñas contr'o cacique. Se fas unha morte, quen che salva dispois?".

O BNG considérao "absolutamente inaceptábel"

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu nesta cuarta feira unha rectificación ao Concello de Malpica: "Non é que sexa só un agravio á figura de Castelao; é un escandaloso acto de censura absolutamente inaceptábel".

Comentarios