Deputación e Concellos avanzan no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre

O deputado provincial de patrimonio, Xosé Lois Penas, e representantes dos concellos aos que atinxe o proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, mantiveron unha reunión en Teo na que avanzaron na posta en marcha do proxecto.
Reunión Compostela Rupestre
photo_camera Representantes da Deputación da Coruña e dos concellos na reunión de Compostela Rupestre. (Foto: Deputación da Coruña)

A limpeza e mantemento dos petróglifos, a compra dos predios nos que se sitúan os xacementos en Monte Piquiño (Teo) e a creación do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro (CIRVI) foran as tres primeiras iniciativas que a finais do pasado ano se decidiran implementar no proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre.

A pasada terza feira a Deputación da Coruña e os cinco concellos con terreos integrados no parque -Ames, Brión, Compostela, Teo e Val do Dubra- avanzaron nesta folla de ruta.

Após a xuntanza en Teo o encargado de Patrimonio na Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, indicou que o obxectivo é “a preservación, protección e promoción dos petróglifos” e que sexan “accesíbeis para toda a cidadanía”.

Investimentos

Penas lembrou que se destinarán 125.000 euros para a limpeza das tres rutas e a contorna dos petróglifos, e para a implementación dun sistema de xeolocalización e fichas de catalogación na páxina do proxecto.

Para a compra dos predios en Monte Piquiño onde se sitúan os petróglifos, destinaranse 50.000 euros; no caso da creación do CIRVI, que se localizará na antiga escola unitaria de Villestro, en Compostela, investiranse 150.000 euros.

Cómpre lembrar que estas accións están recollidas no Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L. e que fora presentado no último trimestre de 2021.

A Presidencia cambiará a Brión

Na vindeira xuntanza de Compostela Rupestre está previsto que se materialice o cambio de Presidencia do Consello Director, que pasará a ser asumida polo Concello de Brión.

Comentarios