Instan o Concello da Coruña a iniciar os trámites para chamarlle rúa Diplomáticos de Monte Alto á actual Alcalde Sanjurjo

Chaman a cumprir a Lei de memoria democrática e a retirar do rueiro toda referencia ao franquismo.
Os Diplomáticos de Monte Alto.
Os Diplomáticos de Monte Alto.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda vén de presentar unha solicitude formal ao Concello da Coruña para que se proceda ao cambio de denominación da rúa Alcalde Sanjurjo, en cumprimento da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que obriga á retirada de referencias públicas vinculadas coa ditadura franquista.

O nome actual da rúa homenaxea Eduardo Sanjurjo de Carricarte, alcalde franquista da cidade entre 1963 e 1965. Desde a AC Alexandre Bóveda consideran que manter esta denominación "vulnera a lexislación vixente, ao exaltar a figura dun representante do réxime franquista, contrario aos principios democráticos e responsábel da represión ideolóxica, política e cultural exercida durante a ditadura", explican nun comunicado.

A propia Lei de Memoria Democrática, no seu artigo 35, estabelece que os topónimos que exalten a sublevación militar ou a ditadura franquista deben ser retirados, e insta ás administracións públicas a actuar neste sentido.

Precedentes

A petición da AC Alexandre Bóveda subliña tamén a incoherencia de manter esta denominación na rúa cando, no ano 2022, xa se procedeu ao cambio de nome do colexio situado na mesma vía. O antigo CEIP Sanjurjo de Carricarte pasou a chamarse CEIP Torre de Hércules, logo dunha proposta da comunidade educativa e das entidades sociais, que foi aprobada pola Xunta da Galiza e polo propio Concello da Coruña.

Este precedente, publicado no Diario Oficial de Galicia o 24 de maio de 2022, "demostra a vontade institucional de avanzar cara a un espazo público libre de referencias á ditadura. A continuidade do nome da rúa supón, por tanto, unha contradición con ese proceso de resignificación democrática", afirman desde a entidade cultural.

Rúa Diplomáticos de Monte Alto

Como alternativa, a AC Alexandre Bóveda propón que a rúa pase a denominarse rúa Diplomáticos de Monte Alto, en homenaxe ao emblemático grupo musical coruñés que emerxeu nos anos 90 no barrio de Monte Alto.

"Os Diplomáticos de Monte Alto, símbolo de irreverencia democrática, identidade galega e compromiso social, representan un referente cultural vivo e profundamente ligado á cidade. A súa figura permite visibilizar valores positivos, fomentar o orgullo local e reforzar a memoria colectiva desde unha perspectiva democrática e inclusiva", defenden.

Con estes argumentos, a AC Alexandre Bóveda solicítalle ao Concello da Coruña que inicie o procedemento administrativo correspondente para efectuar este cambio de nome, cumprindo así co marco legal e contribuíndo á construción dun rueiro que reflicta os valores de verdade, xustiza, reparación e respecto á memoria democrática.

Comentarios