Incóase o BIC para protexer a Casa Cornide

O expediente terá que resolverse en 24 meses como máximo, mais até esa data a Casa Cornide e o seu contido contan coa protección da Lei de patrimonio cultural da Galiza.
Protesta en decembro para pedir a devolución da Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Protesta en decembro para pedir a devolución da Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Casa Cornide e os bens que contén xa están protexidos despois da publicación de hoxe no Diario Oficial da Galiza da orde de incoar o procedemento para declarala Ben de Interese Cultural (BIC), polo que durante os dous anos nos que se deberá resolver o expediente contará co réxime de protección previsto na Lei de patrimonio cultural da Galiza.

Esta decisión chega despois das protestas de colectivos da memoria polo espolio da Casa Cornide por parte da familia Franco, agravadas pola denuncias en decembro pasado da veciñanza da Cidade Vella e do Bloque Nacionalista Galego de que os herdeiros do ditador estaban retirando obxectos do seu interior.

A isto sumouse o Concello da Coruña, que reclamou que se incoase o expediente BIC, reclamación que finalmente avalou a Xunta co informe favorábel do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Universidade da Coruña.

A propiedade da casa

Este expediente “non altera outros réximes vinculados á propiedade”, salientou esta segunda feira Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, que defendeu que só é unha actuación patrimonial “a instancias do Concello da Coruña”, e que os pasos dados polo Goberno non entran “a presumir a propiedade ou a non propiedade dun ben".

Rodríguez tamén lembrou que as persoas propietarias dun BIC dependen da Dirección Xeral de Patrimonio para actuar sobre ese ben, que está limitado polos condicionantes estabelecidos pola lei.

Reaccións

A edil do BNG na Coruña, Avia Veira, tirou das redes sociais para dar “grazas infinitas a todas as persoas que se mobilizaron e se implicaron na recuperación da Casa Cornide”, amais de lembrar que por esta loita nove persoas foron xulgadas e sancionadas. Veira tamén solicitou ao Concello da Coruña dar un paso máis e demandar a devolución do espazo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, apuntou tras o primeiro anuncio da Xunta que este é o “primeiro paso para a recuperación da Casa Cornide”.

Nomes franquistas

Nesa liña, a CIG-Ensino lanzou unha campaña para instar as administracións públicas a eliminar os nomes de figuras franquistas de centros escolares.

Comentarios